SESIóN DE CONTROL NO PARLAMENTO

Feijóo afirma que na súa lexislatura deuse un claro “cambio de tendencia” a favor do galego

O presidente da Xunta responde á demanda do BNG de que rectifique a súa política lingüística dicindo que na actualidade hai o maior grao de coñecemento do idioma.

feijooo
photo_camera feijooo

72 horas despois de que máis de 25.000 persoas percorresen Compostela para denunciar a difícil situación do galego e pedir outra política lingüística, Núñez Feijóo afirmou, na sesión de control ao seu goberno no Parlamento, que baixo o seu goberno hai un “aumento do cambio de tendencia a favor do galego”. O presidente da Xunta botou man dunha particular interpretación do informe do IGE sobre o galego para asegurar que “o galego é maioritario” e que “o grao de coñecemento do galego é o máis elevado de toda a historia”. Mesmo chegou a sinalar que “con nós hai máis xente que sabe escribir en galego que con vós”, en referencia á etapa do bipartito.

Feijóo anunciou un plan para "dinamizar" o galego e convideu a oposición a se sumar

Feijóo realizou estas declaracións na quenda de resposta á pregunta feita por Francisco Jorquera (BNG) sobre se, após a manifestación do #8F, ía variar a súa política lingüística. “Está disposto a escoitar o clamor e rectificar a súa política lingüística?”. A resposta de Feijóo foi a de dicir que cada vez se sabe máis galego e acusar o BNG “de querer dar cartóns de bos galegos e mal galegos”. Non acabou aí: dixo que o Bloque co galego “é como as nais que queren tanto o fillo que o apertan até abafalo”, acusou os nacionalistas de “boicotear o Día das Letras Galegas”.

Mais o presidente tamén anunciou que vai abrirse un novo proceso para dar maior pulo o idioma. Un proceso no que, anunciou, mesmo se contactará co Instituto Camoes para “achegar o galego á Lusofonía”.

“Debuxa o mundo ao revés”

Francisco Jorquera destacou a capacidade de Feijóo “para debuxar o mundo ao revés” e lembrou que todos os indicadores e estudos indican unha perda constante de galego-falantes e a mingua do idioma entre os tramos máis novos da poboación. Pediulle ao presidente que derrogue o decreto plurilingüismo e inseriu a decadencia do galego nun proceso que “vai da man da destrución do noso tecido produtivo, do devalar demográfico,...”

“Atila social do noso País”

A cuestión do galego non foi o único tema a debate na Sesión de control ao presidente da Xunta. Yolanda Díaz (AGE) atacou as políticas económicas e sociais do goberno, cualificando a Feijóo de “Atila social do noso País” e lembrándolle que o PIB galego caeu nestes anos un 4,5% mentres o PIB estatal un 2%.

Méndez Romeu (PSdeG) centrou as súas preguntas nos incumprimentos do goberno galego no eido da dependencia, lendo as cartas de dúas persoas con dereito a esta prestación mais que non a reciben. Unha realidade na que están, asegura, 16.000 galegos. 

Comentarios