Feijóo di que non se sente "ninguneado" e que sobre a AP9 decidirá o Congreso e non Fomento

Admite "discrepancias" co "goberno central" a respeito da demanda da transferencia da AP9. "Son normais nun estado descentralizado", avaliou. Presionado pola oposición e sen demasiadas amizades na Moncloa, Feijóo continúa a marcar distancias tácticas con Madrid.

Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna

A demanda da transferencia da AP9 a Galiza -en orixe unha iniciativa do BNG posteriormente feita súa polo conxunto da cámara galega- continúa a bater co muro da oposición do goberno estatal. Días atrás, o ministro de Fomento avanzaba a negativa do Executivo Rajoy a facilitar o trasvase da infraestrutura á administración galega. Íñigo de la Serna indicaba que a AP9 é unha vía de "interese xeral" e que a autoestrada ten de ficar "onde está", isto é, en mans do Estado.

Perguntado a respeito desta posición de De la Serna na conferencia de imprensa das quintas feiras posterior ao consello da Xunta, o titular do goberno galego restoulle dramatismo. Afirmou sentirse "moi tranquilo e non ninguneado" e enfatizou que a competencia para decidir se finalmente a AP9 se transfire ou non radica no Congreso e non no ministerio de Fomento.

Esta é a segunda vez en pouco tempo que Feijóo marca certa distancia a respeito do goberno estatal. Fixo algo semellante á hora de avaliar o anteproxecto de orzamentos de 2007 cando afirmou que de non se executaren na integridade -cousa materialmente imposíbel porque nunca se aplican por inteiro- serían "decepcionantes".

É evidente que Monte Pío non exuda precisamente entusiasmo coas declaracións do ministro de Fomento. Na cúpula do PPdeG non entenden o desdén do gabinete Rajoy a respeito da proposición de lei do Parlamento galego, sobre todo tendo en conta que a iniciativa non se vai substanciar no Congreso até dentro de máis menos dous anos. O máis intelixente, consideran, sería non fixar agora unha posición tallante e gañar tempo.

Respaldo a Cristina Cifuentes

Feijóo tamén foi interpelado polos meios a respeito da situación en que se acha unha das súas hipotéticas rivais na sucesión de Rajoy, Cristina Cifuentes. O presidente do goberno galego respalda a súa homóloga madrileña e salienta que o xuíz que a investiga "no ten sombra de dúbida" a respeito do seu comportamento, embora este ter sido posto en cuestión polos informes da Unidade Central Operativa (UCO) da Guardia Civil. Para o corpo armado, Cifuentes podería ter incorrido en delitos de prevaricación continuada e suborno.

Cuestionado sobre se hai "fogo amigo" detrás da filtración á imprensa dos informes da UCO, Feijóo ironizou: "Moi amigo non pode ser". 

Comentarios