PACHI VáZQUEZ

"A de 'Feijóo e o narcotráfico andan aí aí' non era unha frase inocente"

Entrevistamos o ex-secretario xeral do PsdeG horas despois da súa declaración ante o maxistrado do TSXG. Falamos do proceso por 37 contratacións supostamente irregulares durante a súa etapa de alcalde do Carballiño, dos retos electorais do PsdeG e de Feijóo e a corrupción.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Pachi Vázquez, [Imaxe: Riobó Prada]

Manuel Vázquez Fernández ( O Carballiño, 1954) foi secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) de 2009 a 2013. Durante unha década, entre 1995 e 2005, foi alcalde de O Carballiño. Unha etapa pola que agora se atopa procesado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) por un suposto delito continuado de prevaricación. O 3 de febreiro compareceu en calidade de procesado perante o maxistrado. Falamos con el apenas unhas horas despois da súa declaración, e mantén que "non hai quen entenda" a situación que derivou neste proceso .

Procesado polo TSXG por 37 contratacións supostamente irregulares, vosté fala de 'montaxe' e mesmo sinalou o Concello do Carballiño.. .

É difícil de entender o que acontece. Eu fun alcalde do Carballiño hai 20 anos e hai 10 que deixei o cargo. Nunca tiven unha denuncia nin dos traballadores, nin da oposición nin da secretaria ou de intervención...e agora atópome cunha querela de oficio na que din que enchufei a 36 traballadores. Sen base de ningún tipo, porque acusábanme a min porque non aparecían os contratos. E son eu quen tivo que investigar e andar a procurar a documentación de todo aquilo, que pasou hai anos. E o Concello dicindo que non sabían onde ían os documentos. Mais parece que está de moda o de darlle aos políticos, o da corrupción...

E desde a cadeira de deputado no Parlamento galego como asiste ao que acontece na Cámara do Hórreo?

Hai que dicir que este Parlamento non é un Parlamento para o pobo galego. É un Parlamento para o goberno galego, que fai del unha cortina de fume para tapar a realidade do país e non un foro onde darlle resposta e solución os problemas de Galiza. O Parlamento converteuse nun cómplice necesario para un goberno que quere enganar o país. Unha das primeiras tarefas que haberá que facer será recuperar o parlamento para a xente e non que sexa algo simplemente ao servizo do goberno.

En febreiro de 2001 dixera, a raíz de anomalías en actividades de 2 xefes territorias da Xunta en Pontevedra, aquela frase de "Feijóo e o narcotráfico andan aí aí". As fotos de Feijóo co narco Marcial Dorado non saíron á luz pública até marzo de 2013... 

Non era unha frase inocente. O tempo demostrou que estaba [Núñez Feijóo] máis cerca del [do narcotráfico] que o 'aí aí' daquela frase. Houbera rebumbio e certa polémica por aquelo que dixera...

Eu creo que na política galega corren tempos en que é moi necesario dicir as verdades que sabes, embora que iso non goste nin sexa do agrado de moitas persoas. Porque a xente non sempre lle gustan oir as verdades, non sempre queren oílas. A min gústame a política e vívoa con paíxón. E gústame dicir as verdades.

Fragmento da entrevista que se publica na íntegra no nº132 de Sermos Galiza, xa nas rúas e no quiosque.

Comentarios