Feijóo non quere que o Parlamento coñeza o custo da súa viaxe a Cuba

AGE obtén evasivas e silencios á súa pregunta na Cámara galega sobre cantos cartos públicos se gastaron nesa viaxe do presidente e comitiva oficial. 

feijoo cuba
photo_camera Foto: Xunta

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia a “ocultación e o escurantismo” de Núñez Feijóo no relativo a súa viaxe a Cuba en decembro. O deputado Juan Fajardo recibiu esta sexta resposta escrita a unha das dúas preguntas que rexistrou o 9 de decembro de 2013 sobre esa viaxe. Resposta na que non se explicita nin o contido nin a orde do día, indica o parlamentar.

Non se xustifica ningún gasto nin se dá conta dos acordos concretos, porque seguramente non os houbo”

“Isto demostra que esa viaxe non tiña ningún obxectivo concreto”, afirma Fajardo, “e que non foi máis que unha viaxe turística para que Feijóo escapase de Galiza xusto cando unha enorme folga de traballadoras e traballadores de Ferrolterra lle pedía contas”.

“É unha burla”

A maiores, sinala AGE, a Xunta ignora a segunda das preguntas escritas, na que o parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda inquiría polo programa concreto de actividades, o orzamento de gastos previsto e a xustificación das facturas, a listaxe da comitiva de persoas e quen se facía cargo dos seus gastos e por un informe de balanzo sobre a excursión. Nada diso figura no documento remitido pola Xunta ao grupo parlamentario de AGE. “Non se xustifica ningún gasto nin se dá conta dos acordos concretos, porque seguramente non os houbo, e, en troques, mesmo se lembran non sei que viaxes de Fraga e Touriño. É unha burla, non teñen vergoña”, engade.

Comentarios