Palestras, murais, despregamentos de bandeiras, concertos, mosaicos pola autodeterminación… Do 16 ao 22 de xullo Galiza Nova impulsa máis de 60 actividades por todo o país, de Vigo a Viveiro, de Allariz a Carballo. Un programa para quentar motores de cara ao 25 de Xullo, Día da patria Galega.
Na véspera desa data, 24 de xullo, terá lugar a Homenaxe a Rosalía e Castelao, que Galiza Nova realiza desde hai máis de 20 anos. O Secretario Xeral, Alberte Fernández declarou que “Rosalía e Castelao sempre foron referentes tanto na acción como na teoría da nosa organización”.
Este ano a Homenaxe enmárcase como acto central do 30 aniversario da organización xuvenil, e contará coa participación de Xosé Emilio Vicente (ex-Secretario Xeral 2004-2007), Iria Aboi (ex-Secretaria Xeral 2007-2012) e Alberte Mera (ex-Secretario Xeral 2012-2016). Ademais, contará co intervención de Alberte Fernández e de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e ex-responsábel de organización de Galiza Nova (2000-2003).
A Homenaxe terá lugar o 24 de xullo ás 17:00h no Parque de Bonaval e contará coas intervencións musicais de Nao e SonDaRúa. Ao remate da homenaxe realizarase unha Ruada pola Independencia ás 19:30h.