BNG-Delegacións Internacionais

O acto internacionalista coas delegacións convidadas, o pórtico da asemblea

A Asemblea do BNG xa está aquí. Comeza formalmente ás 17 horas deste sábado. O seu limiar foi un encontro da dirección saínte coas delegacións internacionais convidadas, cita á que acudiu por vez primeira unha delegación de Die Linke e tamén do Curdistán. As palabras chave do conclave, remarcouno nun breve encontro coa imprensa Rubén Cela, son relanzamento e renovación xeracional. O novo BNG nace na mesma cidade en que se fundou a organización hai 35 anos.

Encontro BNG delegacións internacionais convidadas XVI Asemblea Nacional do BNG.
photo_camera Encontro BNG delegacións internacionais convidadas XVI Asemblea Nacional do BNG.

Un novo BNG liderado por unha xeración de 40 anos para abaixo e con nutrida presenza feminina. Un novo BNG que recolle o legado dos seus 35 anos de vida e que se quer proxectar ao futuro cunha linguaxe distinta -un hardware renovado- mais sen se afastar no básico dos seus principios fundacionais, aqueles que se asentaron no pavillón de Riazor en 1982, isto é, Galiza-Nación-Autodeterminación-Anti-imperialismo.

E auto-organización, isto é, a necesidade de o pobo galego contar con forzas políticas propias sen ataduras con Madrid.

Nun breve encontro coa imprensa antes de se reunir coas delegacións internacionais no funcional Centro Cívico da Cidade Vella coruñesa, Rubén Cela avanzou que a asemblea nacionalista vai “reunir máis de 2.000 persoas” que irán debater “intensamente” a respeito de que “en que aspectos o BNG ten acertado ao longo dos seus 35 anos de existencia e a respeito de en que outros aspectos da nosa forma de facer política cómpre mellorar ou corrixir”.

20170325_121157O debate vaise focar nesta fin de semana na discusión sobre as 296 emendas apresentadas aos textos asembleares. Cela puxo en destaque que ningunha das emendas é á totalidade do relatorio e que tampouco existe ningún voto particular formulado desde o Consello Nacional, algo que probaría o “bon clima interno” co que o BNG encara o seu conclave.

O BNG está cohesionado e tranquilo, o que representa un xiro de 180 graos a respeito do tumultuoso período que se abriu para a formación nacionalista hai 5 anos en Amio. Boa proba da unidade interna é o feito de que non se apresentase ningunha candidatura alternativa a que lidera para a súa reelección como portavoz nacional Ana Pontón.

En que se fundamenta esa unidade? A xuízo de Rubén Cela, a base dese consenso é “a reafirmación da liña política que entre todos e todas eliximos hai 12 meses [na XV Asemblea Nacional de febreiro de 2016, a que elixiu Ana Pontón como líder] e que se sustenta na idea de que é fundamental que na Galiza haxa unha expresión política nacionalista e que o que temos que facer é corrixir o que haxa que corrixir para que esa expresión política sexa o máis útil posíbel ao pobo galego”.

Perguntado por un xornalista se esta XVI é unha asemblea “da continuidade”, Cela respondeu que “máis ben, ao revés”. E nun xogo de palabras, acrecentou: “Podemos dicer que é unha asemblea de continuidade do proceso de profundo cambio que iniciamos hai 12 meses. Hai 12 meses o BNG renovaba 70 por cento da súa dirección. Seguimos afondando iso, incorporando moitísima xente. A maioría da nova executiva nacional temos menos de 40 anos e iso o que mostra é que hai unha nova xeración de persoas que, novas en idade, teñen unha ampla formación política e profisional e que teñen moito que aportar ao proxecto nacionalista”.

20170325_121159Acto internacionalista

A cimeira coa representación internacionalista foi o pórtico da asemblea e reuniu portavoces dos aliados tradicionais do soberanismo galego, desde ERC ao Bloco de Esquerda pasando por Sortu, Bildu, o PCP e a representación institucional de Venezuela, Cuba, a Autoridade Nacional Palestina e da República Árabe Saharaui Democrática.

A esa nómina acrecentouse por vez primeira unha delegación da esquerda alemá Die Linke e do Curdistán, proba, argumentou Cela, do interese que o proceso asemblear do BNG ten levantado “fóra das nosas fronteiras”

Comentarios