Iniciativa pola Unión traslada á Marea Galega unha proposta de guión “para a confluencia”

É un  borrador, aberto a achegas e cambios, para camiñar desde xa de cara a unha candidatura unitaria.

A coordenadora provisoria de Iniciativa pola Unión remitiu ao 'Encontro cidadá por unha marea galega' o que denomina “unha proposta de traballo para a confluencia”. É un “borrador”, un esbozo de “guión” para ser debatido e que está suxeito ás achegas e mudanzas que se queiran facer. A tal fin, desde Iniciativa porpoñen ao Encontro “unha reunión formal”.

A proposta de borrador ten dous eixos principais. Un, culminar unha “convocatoria conxunta” dun encontro nacional na última fin de semana deste mes de setembro. Encontro no cal iniciar “desde alí” o proceso “unificado” para a candidatura unitaria.

O outro eixo incluído no borrador proposta por IpU é a creación “inmediata” dun grupo de traballo paritario integrado por representantes de ambas as dúas coordinadoras. Este grupo de traballo asumiría a responsabilidade de facer unha proposta de funcionamento do “espazo común resultante”. E aquí falan de tres cuestións: procedemento para elaborar un censo conxunto e un chamemento á cidadadnía, establecer a fórmula de participación, e elaborar a orde do día do encontro nacional.

Entende IpU que nesa orde do día debría como mínimo incluirse a escolla dunha nova coordinadora “que pilote o proceso unitario”, iniciar a elaboración do programa e definir os procesos de primarias.

Comentarios