A marcha pola unidade xa era en si mesma un feito histórico, ao ser a primeira vez que o Día da Patria Galega 2015 é convocado non por unha organización política, senón por un grupo promotor de persoas xurdido da base da sociedade.
Xa a estas horas -12.07- miles de persoas ateigan a Praza da Alameda, tradicional ponto de saída da manifestación do Día da Patria, mentres na Quintana Xurxo Souto -mestre de cerimonias do evento- e a súa equipa ultiman os detalles da posta en escena do acto político co que concluirá a marcha.
Son as 12.10 e a manifestación xa está en marcha, encabezada por unha grande faixa na que se le o lema co que foi convocada: A Nación Galega.
"Galiza, Ceive, Poder Popular" e "Que bote, que bote, español, quen non bote" son algúns dos cánticos que atronan a tal hora as rúas do centro da capital da Galiza.
As 12.31, a manife intérnase polas serpenteantes rúas do casco vello da cidade, mentres miles aguardan a súa quenda para daren os primeiros pasos na Alameda.
12.34. Primeiras fotos en twitter de persoas do grupo promotor xa no escenario da Praza da Quintana.
Homenaxe a Manuel María
Xurxo Souto, no cenario, voz poderosa, entona "Non canta na Chá Ninguén/por eso meu carro canta", nunha entida homenaxe a Manuel María, coa praza da Quintana absolutamente acugulada de persoas.
Non renunciamos á patria galega
Leitura do manifesto: "Non queremos vivir sometidas nin colonizadas. Non renunciamos a Patria galega".
13.53. A Praza é un clamor, a cantar o himno nacional da Galiza, pondo ramo a unha marcha que xa é parte da historia deste país.