En Marea pide a comparecencia de López Veiga no Congreso polo sinistro do Marisquiño

A parlamentar de En Marea Alexandra Fernández acaba de formular diversas iniciativas na cámara baixa en relación ao accidente producido o pasado 12 de agosto durante a realización do festival nas instalacións portuarias de Vigo.

Alexandra
photo_camera Alexandra Fernández

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, o ex conselleiro do PP Henrique López Veiga, debe comparecer no Congreso para dar conta das súas eventuais responsabilidades nas causas –o deficiente estado da plataforma que desabou, a provocar mais de 400 persoas feridas- que orixinaron o sinistro. Así o considera En Marea e con tal propósito o partido instrumental acaba de rexistar unha iniciativa na cámara baixa.

Nunha batería de perguntas, Alexandra Fernández inquire ao Executivo "cales son os avances feitos na investigación e se xa se chegou a algunha conclusión", informa a organización por medio dun comunicado de imprensa.

A parlamentar da confluencia critica o cruzamento de acusacións entre a Autoridade Portuaria (PP) e o Concello de Vigo (PSOE) e interésase especialmente por saber se por parte da primeira se "levou a cabo algún tipo de inspección periódica sobre a estrutura que sustentaba o paseo marítimo".

Sobre este asunto, esta mesma semana BNG e En Marea rexistaron unha petición conxunta de constitución dunha comisión de investigación no Parlamento galego, tema que mereceu este editorial de Sermos.

Comentarios