A moción de censura contra o alcalde da Mezquita non vai adiante

O rexedor, o nacionalista Rafael Pérez Vázquez, seguirá á fronte do municipio após un informe dos servizos xurídicos da Deputación de Ourense impedir o debate e a votación porque a moción estaba avalada por un tránsfuga do PSdG-PSOE que fixera parte do grupo de goberno.

mezquita
photo_camera Concello da Mezquita [Imaxe: Galipedia]


A moción de censura presentada por catro edís independentes e un do PSdG-PSOE contra o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez (BNG) non saíu adiante. Un informe dos servizos xurídicos da Deputación de Ourense estabelece que non se dan as condicións necesarias para que prospere nen a votación nen o debate ao chegar a moción avalada por un tránsfuga. As cinco persoas que asinan a moción foron expulsas do PP.

Así as cousas, o candidato proposto para ocupar o cargo de rexedor, Francisco José Montesinos (Mezquitenses Agrupados) non podería saír escollido porque o artigo 197 da Lei Orgánica do Réxime Eleitoral Xeral sinala que cando quen promove a moción pertence ao órgano de goberno ou ao mesmo grupo político que o alcalde "só poderá prosperar se logra un voto máis que o da maioría simple". 

Tal situación non se daría na Mezquita. A corporación conta con nove escanos e a moción de censura fica avalada por cinco, mais un deles, José Antonio Pérez Carballal, foi número tres do PSdG-PSOE e pertencía ao grupo de goberno. Ao incorrer en trasfuguismo, cumpriríalles un voto máis para botar da alcaldía o BNG. 

Comentarios