Néstor Rego promete, "en memoria de Alexandre Bóveda" e en galego, traballar para defender "a soberanía" da Galiza

Tamén deputadas galegas de Sumar utilizaron o galego á hora de asumir a súa acta: Marta Lois fíxoo "pola democracia e a igualdade"

Néstor Rego, deputado do BNG, esta quinta feira, 17 de agosto, no exterior do Congreso español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG, esta quinta feira, 17 de agosto, no exterior do Congreso español. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, utilizou o galego para prometer como parlamentario na sesión constitutiva do Congreso español. A lingua propia da Galiza foi a elixida tamén por deputadas galegas de Sumar como a que será a súa portavoz, Marta Lois, e Verónica Martínez Barbeiro.

"No Día da Galiza Mártir e en memoria de Alexandre Bóveda, comprométome a traballar para defender o pobo galego e a soberanía da Galiza. E, por imperativo legal, si prometo", proclamou Rego.

Pola súa banda, Marta Lois prometeu tamén en galego e fíxoo "pola democracia, pola igualdade e polos dereitos sociais".

Os sete deputados de ERC elixiron a mesma fórmula, prometer en catalán a Constitución "por imperativo legal e até a consecución da república catalá", mentres que os de Junts proclamaron a súa "lealdade ao pobo de Catalunya" e o seu mandato do referendo do 1 de outubro de 2017, así como a súa defensa de "todos os represaliados e exiliados".

Pola súa banda, os seis deputados de Bildu prometeron en euskera "por imperativo legal, e até alcanzar a República Vasca", o mesmo que dixeron hai catro anos.

Nas filas de Sumar houbo un catálogo variado de engadidos, aposta pola "igualdade" por parte da nova portavoz, Marta Lois; mencións á república, como a andaluza Engracia Rivero ou o secretario primeiro da Mesa, Gerardo Pisarello, de En Comú; ou "as Españas" de Txema Seixo e "a España plurinacional e feminista" que citou Esther Gil, nova vicepresidenta do Congreso.

Panoplia de engadidos

Íñigo Errejón, de Más País-Sumar, aproveitou para tocar varios paus ao mesmo tempo: "Pola soberanía popular e a fraternidade entre os pobos (esta parte en catalán), pola xustiza social e pola Terra, si prometo". "Para seguir transformando o noso país con valentía, si, prometo", dixo a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra.

Cinco deputados ten Esquerda Unida nesta XV Lexislatura e cada un utilizou unha fórmula distinta, desde "a democracia e a tolerancia dos valores republicanos" que dixo Enrique Santiago, "a loita antifranquista" que mencionou o malagueño Toni Valero, e incluso un recordo para o actor valenciano Ovidi Montllor por parte do Nahuel González.

Tamén os deputados de Vox quixeron engadir un "por España" ao prometer ou xurar a constitución, mentres que no PP houbo apostilas.

Acabado o trámite, as portavoces de Vox e do PP, Pepa Millán e Cuca Gamarra, respectivamente, tomaron a palabra para cuestionar os engadidos dos deputados independentistas ao considerar que non cumpren os requisitos formais e non permiten dar por válidos os xuramentos.

Armengol asegura que o TC xa avalou as fórmulas

Pero a presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, ha replicado que "todas as fórmulas empregadas se axustan" ao Regulamento da Cámara baixa española, á resolución de Presidencia vixente desde 1989 e á doutrina da Xunta Electoral Central e do Tribunal Constitucional, que na súa última sentenza xa avalou as 'apostilas' empregadas na sesión constitutiva de 2020.

En todo caso, o PP e Vox resérvanse a opción de presentar recursos, tanto de amparo ante a mesa da Cámara como, máis adiante, ante o Tribunal Constitucional.

Comentarios