Nós-Up, favorábel a participar ''con voz propria'' na candidatura con EH Bildu e CUP

Parabenízase porque ERC non figure nas negociacións en curso e afirman estar dispostos a ''flexibilizar ao máximo'' o seu programa para atinxir un “pacto nacional”.

NOs-UP
photo_camera NOs-UP

Nós-Unidade Popular é partidaria de se presentar ás eleccións europeas no marco dunha candidatura que se alicerce na liberación dos pobos e no combate a unha Unión Europea “dos mercados”. Nun comunicado da súa Dirección Nacional, a formación independentista móstrase favorábel a participar “con voz propia” nunha coligación con EH Bildu e as CUP. Formacións ambas as dúas que figuran na proposta que o Consello Nacional do BNG elevou esta fin de semana á súa militancia para concorrer  á cita europea do vindeiro mes de maio.

Que na proposta de coligación da esquerda soberanista a Europa non figure ERC é visto por Nós-Unidade Popular como un elemento positivo. Para a forza independentista galega, Esquerra é “unha forza que dá cobertura a un goberno que aplica unha política neoliberal contraria á maioría social catalá”. Con ERC fóra das negociacións, UP entende que se abre a posibilidade de vertebrar unha candidatura que se alicerce nun programa “contra a Europa dos mercados” e polo dereito a decidir dos pobos.

“Converxencia de mínimos”

Para Nós, a situación actual de Galiza (ataques a sectores produtivos e identidade nacional) obrigan a procurar “unha converxencia de mínimos” que permita “estruturar unha candidatura” na defensa do país. Nese compromiso, sinala o comunicado, “Nós-UP pode flexibilizar ao máximo o seu programa político mediante concesións favorábeis a atinxir um pacto nacional”, en clara alusión a un hipotético acordo co BNG.

Comentarios