Ourense en Común “consensuará” unha nova lista, sen Podemos

A candidatura ás municipais non repetirá as primarias que anulou tras as acusacións de “carretaxe” e decidirá unha nova lista que despois pasará por referendo -cun censo limitado á cidade- o que significa o adeus de Podemos. Compromiso pode marchar tamén.

ourense-crop
photo_camera Ourense en Común

Ourense en Común perde dúas das forzas que se integraran na candidatura cidadá. A anulación das primarias nas que venceu Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia (CxG), despois de acusacións de carretaxe que alcanzaron o seu cumio ao recoñecer o alcalde da Peroxa, do PP, que tamén participara nos comicios internos, sumiu a iniciativa nunha fonda crise, que resolveu en parte esta sexta feira nunha asemblea na que descartou convocar novas primarias, o que significa a marcha de Podemos. Compromiso, que foi a principal acusada de carretaxe, está a piques de marchar tamén. 

Podemos di manter “simpatía” por Ourense en Común, pero puxo como condición para o seu apoio a celebración de primarias abertas. Pero a nova lista será decidida “por consenso” -fórmula pola que apostaron os membros sen adscrición partidaria e tamén EU e Anova- e despois pasará por un referendo, no que só poderán participar asinantes do Manifesto con residencia na cidade, rectificando a decisión que permitiu o escándalo das primarias e usando a mesma fórmula da Marea Atlántica coruñesa, onde participaron máis de 700 persoas sen que se producise unha soa reclamación.

Ante a nova fórmula para elixir candidatura, Ourense en Común tamén poder perder CxG, que afirma que “o único que pasou é que a algúns non lles gustou o resultado”. Porén, desde os promotores de Ourense en Común acusan Compromiso de mesmo utilizar buses para trasladar votantes desde outros concellos ou levar a votar a persoas relacionadas co baltarismo e a Deputación, cun alcalde do PP como máximo exemplo, segundo esta versión.

Comentarios