Pachi Vázquez demite como deputado do PSdeG

O ex-secretario xeral do PSdeG renuncia o seu escano para deixar de ser aforado e defenderse ‘’como cidadán da pé’’ no procesamento por presunta prevaricación cando era alcalde Carballiño.

Pachi Vázquez demite como deputado do PSdeG no parlamento galego. Así o anunciou o ex-secretario xeral dos socialistas galegos e ex-alcalde do Carballiño nunha rolda de imprensa, asegurando que a renuncia respondía a unha decisión “persoal” baseada en que “a política a coherencia é o principal motor”.

Vázquez tamén sinalou que con esta demisión deixa de ser aforado, polo que poderá defenderse como un cidadán da pé máis, dixo, no procesamento aberto contra el por presunta prevaricación na súa etapa de alcalde do Carballiño. A semana pasada o instrutor do TSXG declarou concluso o sumario sobre esta investigación. Agora, o alto tribunal galego -que leva a causa ao estar implicado un parlamentar- debía de se pronunciar sobre se abría xuízo oral.

Cómpre lembrar que o actual secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, reiterara hai uns días que o “criterio único” do PSdeG é o do código ético do partido, que levaría a Vázquez abandonar o cargo de ter que se sentar no banco dos acusados.

Comentarios