FRANCISCO JORQUERA E YOLANDA DíAZ, PORTAVOZ BNG E CO-PORTAVOZ AGE

BNG e AGE ven no pacto de populares e socialistas unha ‘blindaxe’ dun bipartidismo en horas baixas

PP e PSdeG pactaron esta semana reducir as intervencións de Bloque e Alternativa. Falamos cos portavoces na Cámara de BNG e AGE sobre unha medida que boicotea a posibilidade de facer unha oposición efectiva.

jorquerayolanda

Populares e socialistas pactaron a comezos desta semana distribuír as quendas de intervención e o número de iniciativas para dar espazo ao Grupo Mixto. Mais ese novo reparto só afecta – e prexudicando- a AGE e BNG, aos que se lle mingua a súa actividade parlamentar. As dúas formacións perderán a posibilidade de defender dúas Proposicións non de lei, unha moción, unha interpelación, 1 pregunta ao Goberno e 1 pregunta ao presidente. Falamos con Francisco Jorquera (portavoz parlamentar do BNG) e Yolanda Díaz (co-portavoz de AGE) do alcance dun pacto que, coinciden, quer “blindar” un bipartidismo en profunda crise.

Francisco Jorquera: "Nun momento en que ese bipartidismo está máis cuestionado que nunca eles deciden blindalo, evitando que haxa unha oposición real na Cámara galega"

- Este pacto entre PP e PSdeG na Galiza evidencia a existencia dunha ‘Grosse Koalition’ disposta a minguar o espazo das forzas que se lle opoñen?

- F. Jorquera: É unha manobra para consolidar o bipartidismo no Parlamento galego, un bipartidismo que non se corresponde coa composición real do Parlamento, que é moito máis plural; e un bipartidismo que non se corresponde co que pensa e sente o pobo galego. Nun momento en que ese bipartidismo está máis cuestionado que nunca eles deciden blindalo, evitando que haxa unha oposición real na Cámara galega. PP e PSOE non só vulneran as normas do Parlamento, senón que mesmo con este pacto van contra unhas prácticas que estaban consolidadas xa nos tempos de Fraga presidente! É este o ‘impulso democrático’ do que tanto fala e do que tanto se gaba Núñez Feijóo?

- Y. Díaz: Estamos diante doutro pacto do bipartidismo, que non ten problema en ningún en chegar a pactos ou acordos cando senten que están en risco, e saben que agora estano. Botan man de fórmulas ‘trileras’ para tentar calar a voz de 14 deputados e de ducias de milleiros de votantes. AGE e BNG somos os grupos que no Parlamento máis reflectimos a voz da rúa, os problemas e necesidades da xente; por iso recortan.

- Non é a primeira medida que implica un Parlamento no que desde a oposición se ten denunciado que a capacidade de facer oposición mingua progresivamente...

- F.J: Hai unha estratexia do PP nesa dirección. As negativas de Feijóo a comparecer, a ‘invernación’ daquelas cuestións que non son de interese para o goberno como pode ser a corrupción ou a fusión das caixas; converter as sesións de control ao goberno en sesións de control á oposición... Con este pacto afondan en querer recortar a capacidade de actuación da oposición. O Partido Popular non cre no auto-goberno e por iso quer anular o Parlamento galego.

- Y.D: Teño claro que si. Todos os días podemos ver que non lles interesa para nada que haxa unha oposición real. Un exemplo claro é o papel da presidenta do Parlamento, que é unha das altas institucións do País, e que de imparcial non ten nada. Exerce un trato moi desigual entre o grupo do PP e a oposición. Tentan poñernos tantas trabas porque están aterrados, hai medo nos partidos do réxime.

Yolanda Díaz: "Botan man de fórmulas ‘trileras’ para tentar calar os grupos que no Parlamento máis reflectimos a voz da rúa"

- Que medidas ou pasos se poden dar para solucionar esa situación de recorte das intervencións e capacidade de oposición de BNG e AGE?

- F.J: Este pacto entre PP e PSdeG é grave. Empregan o grupo mixto como pretexto para meterse a recortar nas iniciativas de BNG e AGE mais as do PP e PSdeG non as tocan, esas seguen igual. Nós non temos problema en que se alonguen os plenos e que sexan máis periódicos para así tratar todo o que haxa que tratar. Non imos permanecer parados ante ese pacto. Presentaremos un recurso perante a Cámara, recurso que estamos a ultimar. De non aceptalo, pediremos recurso de amparo no Tribunal Constitucional

- Y.D: Estamos dispostos a adoptar medidas legais, mais tamén hai que facer unha actividade de divulgación e pedagoxía entre a sociedade do que supón ese pacto, de porque se adopta, do que está a pasar. Para a semana falaremos co BNG para facer algo, porque non podemos permanecer de brazos cruzados.

Comentarios