Podemos di que no Aberri Eguna hai discursos ‘’exacerbados’’ e ‘’identitarios’’ que desunen "a cidadanía vasca’’

O secretario xeral da formación en Euskadi dixo que non celebran o Día da Patria Vasca porque son un movemento ‘’plural’’ unido pola idea "de que todos somos cidadáns" e non pola de "nación".

photo_camera ikurriña haizeara

Nos actos do Aberri Eguna (Día da Patria Vasca) hai discursos que “exacerban certos sentimentos identitarios, que non veñen ben para a unidade da cidadanía vasca”. O secretario xeral de Podemos en País Vasco, Roberto Uriarte, manifestou nunha entrevista en Europa Press que “está ben que un se identifique con determinado territorio ou ámbito, mais se o leva a unhas posturas radicais, non é nada positivo”.

Uriarte defendeu que Podemos é un movemento plural e amplo onde o elemento de unión “non son as cuestións vinculadas á idea de nación”, senón a de que “todos somos cidadáns”; polo que a formación non celebra o Aberri Eguna. E engadiu que tampouco celebra o Día de la Hispanidad, equiparando na frase ambas as dúas.

Decidir

Uriarte si que defende o dereito a decidir, mais matiza que non é tal e como o entenden, afirma, as formacións abertzales, que só o contemplan, sinala, “para procesos independentistas”. Enfronta esa visión á de Podemos que, asegura, “cre no dereito a decidir en todos os eidos, no dereito a participación directa dos cidadáns nas decisións que lles afecten”.

Favorábel a abordar unha articulación territorial na que “todas as sensibilidades “se sintan cómodas”, o responsábel de Podemos en Euskadi tamén falou de Catalunya, para dicir que ese país, “tradicionalmente bastante pactistas e moderado”, está agora en “posicións enrocadas”.

Comentarios