Podemos Galiza di que “o nome non vai ser impedimento para un acordo”

Suaviza as exixencias que mantiña até o de agora a respeito de que a denominación do partido figurase na marca da candidatura unitaria, informa 'La Voz de Galicia'.

Podemos Galiza

Polo nome non vai quedar. Esa é a mensaxe que traslada Podemos Galiza, disposta agora a que a denominación do partido non figure na pepeleta da candidatura de unidade popular que se está a artellar en base ao Foro político e o Encontro cidadá por unha marea galega. Nunha información en 'La Voz de Galicia' asinada por Carlos Punzón dase conta de que Podemos suavizou as súas premisas en canto á marca. Fontes do partido recoñecen que “o nome non vai ser impedimento”.

Avalíase a posibilidade de que na papeleta apareza o logo dos partidos integrantes da candidatura

Unha frase esta que chega após semanas nas que algúns actores políticos que están a impulsar esa candidatura enviasen mensaxes nas que, de forma indirecta unhas veces e directa noutras, se apontaba a que non había lugar para que Podemos exixise que a súa marca figurase na denominación para a cita do 20-D. Fontes da dirección de Anova recoñecían a Sermos Galiza esta semana que levar Podemos nunha papeleta en Galiza restaba máis do que sumaba.

Mais sobre esta cuestión, o nome, síguese a negociar. Desde a dirección estatal de Podemos, indica 'La Voz' serían partidarios de que a marca incluíse referencias a Galiza como elemento central. Segundo o diario de Sabón, entre as opcións baralladas polas formacións que impulsan a candidatura está que na papeleta figure os logotipos dos diferentes partidos e formacións que integrarían esa coligazón.  

En Catalunya, 'En Comú Podem'

BComú, Podemos, ICV i EUiA concorrerán xuntos o 20-D na candidatura 'En Comú Podem'. O plenario da formación liderada por Ada Colau aprobou co 71% dos votos sumarse a esa coligazón, informa Nació Digital. Este medio catalán xa adiantara que o cabeza de lista desta candidatura para as xerais ía ser Xavier Domènech.

Comentarios