Apertura da XVI AN do BNG

Pontón aposta nun nacionalismo coas portas abertas "a todas as persoas que senten a Galiza"

Un BNG con capacidade para agrandar a "base social" do nacionalismo, como unha ferramenta de "modernización" do país. Un BNG que una Galiza, que a vertebre. Esas foron as ideas forza do discurso de abertura de Ana Pontón na asemblea de Palexco. "O PP leva anos sementando discordias e nós temos que sementar a unidade das galegas e dos galegos", dixo.

#25XVIBNG14
photo_camera A dirección saínte entoa o himno nacional no acto de apertura

Unha certa sensación colectiva de que Palexco vai ver o nacimento dun novo BNG, xeracionalmente renovado e con máis capacidade para conectar coa sociedade galega neste momento histórico. Iso é o que se respirou esta tarde en Palexco na sesión inaugural da XVI Asemblea Nacional. Un BNG tranquilo, un BNG unido. Iso é o que transparentou o conclave nos seus primeiros compases. Moitas homenaxes tamén. Tributos a Avilés de TaramancosCarvalho Calero -evocados por Ana Pontón no seu discurso- , mais tamén a Francisco Jorquera, gabado por Rosana Pérez, condutora do acto; Bieito Lobeira, na súa defensa do informe de xestión; e a propia Ana Pontón, que acabou por lle entregar unha figura de porcelana de Rosalía de Castro, nun momento de grande emotividade. Lobeira, cuxo talento para semear de comicidade os discursos políticos é indiscutíbel, chegou a esclarecer perante o auditorio que Jorquera estaba ben de saúde e que non ía marchar a ningures, o que provocou non poucos risos no público. Hai tan pouco costume na política de render tributos a políticos en activos que o comentario humorístico de Lobeira viña realmente a conto.

Hai novo BNG, mais non nace do baleiro nen por xeración espontánea. Esa idea tamén foi subliñada quer por Francisco Jorquera -no discurso de benvida ás persoas participantes na asemblea- quer por Ana Pontón. O BNG é fillo dunha corrente histórica centenaria, desde as Irmandades da Fala até o Partido Galeguista. "O nacionalismo galego non é flor dun día. Non é un experimento para quitar réditos dunha determinada conxuntura. Non é un invento de catro iluminados ou catro oportunistas", dixo Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre e candidato a facer parte do Consello Nacional entrante.

Pontón tamén estabeleceu un elo entre o Partido Galeguista -daí a evocación a Carvalho Calero, no seu 27 cabodano- e o proxecto nacionalista do BNG, mais ao tempo puxo o retrovisor para resgatar da memoria a loita das Encrobas, a marcha contra a nuclear de Xove, as mobilizacións contra a NATO e, por suposto, o Nunca Máis, un dos fitos da auto-organización do país contra a incuria do Estado español.

Mais o discurso da portavoz nacional saínte e única candidata á portavocía nacional ollou basicamente para o futuro, para a construción dunha alternativa política que teña a capacidade de arrebatar a hexemonía ao PP. Esa idea latexou no fundo do seu discurso.

#25XVIBNG20E como se constrúe esa alternativa? Diso vai realmente esta asemblea nacional, veu dicer Pontón, que ten como propósito "pór a ponto o BNG" e "sementar a confianza neste proxecto". A Asemblea do Relanzamento visa abrir, salientou, "un tempo novo para o BNG e para Galiza". Un BNG que se propón ser a voz política das maiorías sociais e que se propón vertebrar o país face un PP que "sementa discordias".

E a alternativa constrúese tamén agrandando a base social do nacionalismo, dun proxecto político coas "portas abertas a todas as persoas que senten a Galiza e que pensan que merecemos un futuro mellor que deixe atrás a corrupción do réxime e o empobrecimento das traballadoras e dos traballadores".

Un nacionalismo aberto e unido. Ese é un mantra para Pontón, quen emprazou ás e aos asembleístas a facer do "diálogo e a unidade" a carta de presentación do BNG. A portavoz nacional puxo aínda en valor o Proceso Adiante -a dinámica de debate aberta a persoas non militantes desenvolvida durante o último ano- e animou a continuar a traballar na revisión e reactualización dos métodos do BNG.

Cambiar o que fixer falta, sen tabús. Mais o que non debe mudar é o esencial. "O que non cambiamos é que somos nacionalistas e que somos unha organización asemblear. Unha organización en que decide a militancia. A militancia é quen máis ordena no BNG".

#25XVIBNG11Unha organización unida e renovada son, veu argumentar Pontón, rasgos indispensábeis de calquera alternativa que desde o nacionalismo se plantexe derrotar o hexemónico PP. A portavoz nacional procurou no final do seu discurso o corpo a corpo co combo conservador. Foi nese momento cando deslizou o que ten aspecto de ser unha das palabras de orde desta Asemblea Nacional: o PP sementa discordia, o BNG debe sementar unidade. Unidade entre aquelas galegas e galegos que teñen confianza "na Galiza e no pobo galego".

"E non hai que ter medo a voar. Non temos que ter medo e tomar as nosas propias decisións. Porque ese é o camiño para avanzar, progresar e modernizar Galiza", dixo.

Comentarios