Pontón defende un "grupo forte" do BNG no Congreso que garanta os intereses dos sectores do mar

Asegura que o 23-X "non hai que votar polo mal menor nin por medo" senón para "finalizar a discriminación do centralismo" coa Galiza

Ana Pontón e Carme da Silva nunha visita a unha cetaria na Illa de Arousa (O Salnés). (Foto Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Carme da Silva nunha visita a unha cetaria na Illa de Arousa (O Salnés). (Foto Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou esta segunda feira que para defender as demandas do sector do mar é imprescindíbel contar a partir do 23 de xullo cun “grupo galego forte no Congreso da man do BNG". Un grupo, engadiu, "capaz de condicionar a política de Estado a favor dos nosos sectores produtivos".

Ana Pontón realizou estas declaracións no transcurso dun encontro con mariscadoras na Illa de Arousa (comarca do Salnés), no que tamén estivo acompañada pola cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.

A nacionalista expresou o seu compromiso de defender a mellora das condicións laborais das mariscadoras e subliñou que "é importante recoñecer como enfermidades laborais as doenzas que parecen estas traballadoras, tras horas de pé na area e no mar e promovendo coeficientes redutores da idade de xubilación".

Plan de rexeneración das rías

Entre as principais prioridades que o BNG propón para a próxima lexislatura está a defensa dun plan de rexeneración integral das rías, para o que proporá un grupo de medidas concretas a defender no Congreso. Entre elas figura a creación dunha rede de bases de loita contra a contaminación do medio mariño ao longo de todo o corredor marítimo fronte a costa galega.

Outro dos obxectivos prioritarios sinalados por Ana Pontón é apoiar e apostar decididamente polo produto das rías galegas. "A orixe do produto galego debe estar claro ante o consumidor, tanto por transparencia para o comprador como porque é un elemento de competitividade para o produto do país", destacou.

A portavoz do BNG indicou que "desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden" as súas necesidades, "fundamentais para a economía galega e con moita potencialidade para o futuro se se toman as decisións adecuadas".

Nin un paso atrás

A portavoz nacionalista explicou na Illa que este 23 de xullo o BNG vai "a por todas", co obxectivo de ter un grupo galego forte en Madrid "para facer valer os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado" español.

Pontón puxo sobre a mesa que "este 23-X non hai que votar polo mal menor nin por medo". Nese sentido, pediu aos galegos e ás galegas "que voten con ilusión, que voten coa cabeza e co corazón, que voten por finalizar coa discriminación do centralismo co noso país, e que voten por facer respectar a Galiza en Madrid sabendo que a única forza que ten as mans libres e que non lles vai a fallar é o BNG".

O compromiso da formación nacionalista coa defensa dos dereitos e das liberdades foi outro dos aspectos nos que incidiu Ana Pontón. "Seremos un muro de contención para frear esa dereita que vai de ganchete coa extrema dereita e quere facernos retroceder. No BNG dicimos nin un paso atrás", indicou.

Comentarios