18-F

Pontón insiste na necesidade de que haxa debates durante a campaña: "É un dereito da cidadanía"

A líder nacionalista lembrou que o BNG levou ao Parlamento galego unha lei para "garantir" que haxa dous debates, polo menos, en campaña electoral pero "lamentabelmente o PP votou en contra".
Ana Pontón é a candidata do BNG á Xunta da Galiza e a portavoz nacional da formación frontista. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón é a candidata do BNG á Xunta da Galiza e a portavoz nacional da formación frontista. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, avisou que a súa formación "non vai dicir aos medios públicos que forzas" políticas teñen que estar nos debates electorais e volveu retar o presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, a sentar nun cara a cara con ela, como representante do primeiro grupo da oposición.

"Pregúntome por que non quere un cara a cara; porque sabe que a súa xestión non se mantén", preguntouse Pontón que incidiu en que este tipo de actos "permiten á cidadanía ter un contraste" e é "un dereito dos cidadáns". "Non entendo por que escapa e foxe", aseverou.

Pontón incidiu en que "vimos dunhas eleccións estatais" nas cales houbo un cara a cara en que "a Galiza é negada". "A razón é moi sinxela, o PP e o señor Rueda saben que están en tempo de desconto pola súa nefasta xestión", dixo.

Preguntada polo formato dos debates, Pontón dixo que os nacionalistas "non van a dicir aos medios deste país cales son as forzas que teñen que ir aos debates". "Teñen que facela os medios e validalo a xunta electoral e o raro é que o PP lle diga que forzas teñen que ir, o lóxico é que saia da CRTVG", considerou.

"Sentido democrático"

A líder nacionalista lembrou que o BNG levou ao Parlamento galego unha lei para "garantir" que haxa dous debates, polo menos, en campaña electoral pero "lamentabelmente o PP votou en contra". Máis alá do que diga a lexislación, puntualizou, "hai un sentido democrático" e á cidadanía "gústalle ver aos seus representantes e as alternativas de futuro".

"O que me pregunto é por que se esconde e por que non quere o cara a cara", incidiu Pontón, quen insistiu nesa proposta e senllos debates na primeira e segunda semana da campaña electoral.

Comentarios