O PP envía Floriano a Compostela para “mobilizar” ante a previsión de caída electoral

O temor d@s populares a un mal resultado en maio obriga o vicesecretario de Organización a comezar unha xira polo Estado que arrinca na Galiza, onde buscará “que non se escape o votante natural do PP”

21 UNION INTERPARLAMENTARIA POPULAR EN GUADALAJARA
photo_camera Floriano e Feijóo

Unha xira do medo que comeza en Galiza. Existe moito temor no PP estatal ante a posibilidade dun nefasto resultado nas municipais do 24 de maio. E a formación de Núñez Feijóo non se escapa das malas previsións que manexan en Madrid. Así, o vicesecretario de Organización e director de campaña do PP, Carlos Floriano, percorrerá España nas próximas dúas semanas para “mobilizar” persoalmente aos cargos do PP antes das eleccións. O obxectivo é recuperar antigos votantes e impedir que aposten por outros partidos. 

O director de campaña teme que aqueles que apoiaron ao PP no pasado deixen de facelo

A primeira parada será en Santiago, onde se reunirá cos responsables de campaña de Galiza e Asturias, segundo indicaron á axencia Europa Press fontes da dirección estatal do PP. Esta medida ten certo aire de humillación para Feijóo, que se considera unha persoa de máis peso dentro do partido que Floriano, pero terá que recibilo para escoitar as súas indicacións. 

O obxectivo de Floriano na súa visita ao PPdeG será o de "mobilizar ao votante que se quedou en casa nas eleccións europeas de 2014”, até hai pouco a principal preocupación do PP, á que se sumou agora o avance de Cidadanos que recollen as enquisas, malia que esta formación é aínda moi feble en Galiza. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, instou este domingo ás denominadas Mareas a falar "claro" do seu programa e criticou que o seu "único obxectivo" sexa "sacar do goberno" ao PP.

Comentarios