O PSOE pregunta no Parlamento sobre as relacións de Resistencia Galega co xihadismo

O Partido Socialista solicita información da Xunta sobre a presenza “desta ameaza” e defende que se inclúa a Catedral de Santiago entre as zonas de protección especial ante posíbeis atentados do islamismo armado.

Fachada da Catedral
photo_camera Fachada da Catedral

O PSOE galego leva ao Parlamento a incorporación da Catedral de Santiago entre os "posíbeis obxectivos xihadistas" por parte do Ministerio do Interior. Nesta liña, o portavoz do Grupo Socialista na Cámara galega, José Luís Méndez Romeu, presentou unha iniciativa parlamentaria, segundo indicou o PSdeG nun comunicado, despois de que o Ministerio do Interior e a Delegación do Goberno advertisen da "ameaza xihadista" contra o histórico edificio. Así mesmo, @s socialistas pregúntanlle á Xunta sobre a “posíbel existencia de relacións entre esta ameaza e Resistencia Galega” -en mención ao grupo independentista- e sobre “o número de incidentes relacionados co xihadismo” en Galiza. 

"O Ministerio do Interior e a Delegación do Goberno veñen de informar sobre o nivel de risco estimado e as medidas de seguridade adoptadas en relación coa Catedral de Santiago no marco dunha análise máis ampla", precisou Méndez Romeu nunha iniciativa parlamentaria. "Trátase da primeira constatación en territorio galego da ameaza xihadista", subliñou o portavoz do PSdeG no Parlamento autonómico, para logo solicitar, no marco das “reservas inherentes á política de seguridade", a posición da Xunta en relación á 'Estratexia de Seguridade Nacional'. Méndez Romeu considera “pouco coñecido” o fenómeno do xihadismo “por mor da barreiras culturais e sociais que dificultan o coñecemento desta forma de pensar, nacida dunha lectura restritiva do islamismo”. 

Comentarios