Pujol-Rato, a dobre vara do goberno español

O executivo de Madrid négase a comparecer para explicar os presuntos delitos cometidos polo ex-vicepesidente. Porén, do caso Pujol, si que tiña algo que dicir. 

Cristóbal Montoro
photo_camera Cristóbal Montoro [Imaxe La Moncloa]

A detención --aínda que por unhas horas-- de Rodrigo Rato e as investigacións iniciadas arredor do ex-vicepresidente do goberno, ex-ministro de Asuntos Económicos, ex-director xeral do FMI e ex-presidente de Bankia, están a acurralar o Partido Popular e o executivo de Mariano Rajoy. 

No entanto, desde Moncloa tentan capear o temporal evitando, e vetando, as comparecencias públicas de Cristóbal Montoro e Rajoy e tentando reducir o proceso aberto contra Rato --que se suma á súa imputación no caso Bankia-- a unha mera cuestión "persoal". 

Neste senso, o ministro de Facenda e o propio presidente do executivo, Mariano Rajoy, non darán explicacións políticas polos presuntos delitos cometidos por quen ostentou durante décadas responsabilidades públicas nen tampouco valorarán o feito de que a man dereita de Aznar empregase a amnistía fiscal aprobada polo seu goberno para, supostamente, branquear diñeiro ilícito. 

O goberno de Rajoy négase a facer pública a listaxe de 705 autoridades que se acolleron á amnistía fiscal

Tampouco queren destapar a caixa de Pandora que constitúe a norma á que se acolleron 30 mil persoas. Delas 705 serían VIPs. Isto é, responsábeis políticos, diplomáticos, xuíces e mesmo ex-altos cargos da Administración española. Ás portas das eleccións municipais (24 de maio) o Partido Popular quer unha detonación controlada. Deixar caer a Rato mais evitar que xunto a el poida caer o partido. 

Unha actitude, a manifestada polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que dista moito da que mantivo no caso Pujol. Naquela altura e cando se coñeceu a fraude fiscal presuntamente cometida polo ex-presidente catalán --investigada tanto pola xustiza coma polo Parlament de Catalunya-- Montoro compareceu publicamente para afirmar que a Axencia Tributaria non descartaba que se tivesen cometido "un ou varios delitos". 

Aliás, puña a disposición do poder lexislativo catalán todos os dados recompilados por Facenda, mentres agora vetan a constitución dunha comisión de investigación parlamentar como reclama o PSOE. 

Cristóbal Montoro aseguraba que "ningún dirixente político sensato pode tolerar" o "cinismo" e "manipulación" de quen sostén un "discurso" e "en privado" traballa "polo interese duns poucos"

"Se temos a responsabilidade de gobernar, de facer as leis e somos os que aprobamos os impostos, é ineludíbel a obriga de comportamento exemplar e transparente e tamén cando deixamos de ocupalos", sinalaba Montoro en comparecencia pública após o comunicado de imprensa emitido polo ex-president. "Enganou a sociedade catalá e os seus votantes", arremetían desde Facenda vencellando a fortuna amasada pola familia Pujol en Andorra cos máis de 20 anos á fronte do goberno da Generalitat. 

"Ningún dirixente político sensato pode tolerar a manipulación e o cinismo político dos que sosteñen un discurso político e en privado traballan polo interese duns poucos". Montoro non se refería á amnistía fiscal do Goberno español nen ao tempo en que Rodrigo Rato tería, presuntamente, defraudado ao fisco sendo responsábel político, senón a Pujol. 

En troca, a pasada sexta feira após o Consello de Ministr@s, Montoro eludiu as preguntas da imprensa afirmando que "é un asunto particular". "Eu non falo de ningún contribuínte" respondía días antes.  

Comentarios