ALMORZOS ON/OFF DE OURENSE DO COLEXIO DE XORNALISTAS

Quintana insiste en que Somos Nós non nace ‘’para competir electoralmente’’

O ex-vicepresidente da Xunta dixo esta terza feira que a plataforma xurdiu para ‘’unir os galegos aos que lles importa este país’ ’e acha que ''o espectro político é tan amplo que non se precisan máis partidos".

anxo quintana 340

O ex-vicepresidente galego e ex portavoz nacional doBNG, Anxo Quintana, descartou que Somos Nós vaia competir electoralmente e insistiu en que esta plataforma naceu para ser unha ferramenta que procura un maior auto-goberno para o país e que iso pasa por “confeccionar unha listaxe de mínimos”. Quintana realizou estas declaracións, recollidas por axencias, durante a súa intervención nos almorzos ‘On/Off’ do Colexio de Xornalistas.

Neste encontro, Quintana negou que a plataforma fose “unha ameaza” para as eleccións municipais e dixo que aspiran ser un instrumento para “unir os galegos aos que lles importa este país” e avogou por “sumar” nesa liña. “Non se fai isto para competir electoralmente nin para unha volta a política", afirmou. Cómpre lembrar, porén, que, como informou Sermos Galiza en exclusiva, Somos Nós formalizou a súa constitución como partido político o pasado 3 de febreiro nunha notaría de Ponteareas.

"Postura de país"

Puxo a énfase no interese da iniciativa en “construír país” sen que para iso se copien procesos doutros territorios do Estado, pulando por “unir” en torno a unha “listaxe de mínimos” que ten que pasar pola toma en consideración de Galiza. “Sería terríbel que un debate se dese sen que Galiza puidese participar cunha postura de País”, dixo.

A preguntas sobre a situación do BNG, o ex-vicepresidente recoñeceu “erros” mais chamou a non “mirar atrás” pois “de pouco val queixarse” e situou a prioridade en “sumar” e chegar a puntos en común, diferenciando iso dun “consenso entre forzas nacionalistas”. Defendeu que ‘Somos Nós’ reúne a persoas do nacionalismo e tamén que non son nacionalistas e de “moi diferentes ámbitos ideolóxicos”.

Marés cidadás

Quintana valorou positivamente a irrupción de movementos políticos agrupados baixo a denominación de "mareas" como cuestionamento do actual estado de cousas, mais botou en falta que estes movementos non se fagan en clave de país. Admitiu tamén que "quizás todos cometimos erros" que conduciron á actual atomización do nacionalismo en Galicia, se ben sinalou como "positivo" que agora o espectro político é tal que o votante, calquera que sexa a sua ideoloxía ou sensibilidade, "non precisa de ningún partido máis".

Comentarios