Recortar o Parlamento e sacralizar as deputacións

O PP xustifica a redución de escanos no Parlamento de Galiza ao mínimo legal na necesidade de 'aforrar' e ser 'austeros' en tempos de crise. Mais non poucas voces lembran os populares que máis se aforrraría coas deputacións (supoñen máis de 500 millóns de euros anuais). “Alí hai 106 deputad@s que non son elixidos democraticamente, que non representan directamente a ninguén, que ninguén coñece e que en cambio para o PP son sagradas”.

Louzán, presidente Deputación Pontevedra
photo_camera Louzán, presidente Deputación Pontevedra

Fillas do centralismo decimonónico, as deputacións perviven na Galiza sen vontade nin de se renovar nin de desaparecer e cada vez máis ‘blindadas’ por un PP que, pola contra, teima en recortar o Parlamento de Galiza coa desculpa de “aforrar” catro millóns de euros en tempos de crise. Mais as catro deputacións galegas manexan por volta de 500 millóns de euros anuais (un 66% máis que o gastado na Cidade da Cultura). A súa supresión, asumindo as competencias a autonomía, permitiría moito maior aforro. Alén de poñer fin a estruturas opacas, non eleitas directamente pola cidadanía e que teñen funcionado como verdadeiras estruturas ao servizo do PP (Ourense e Pontevedra, principalmente).

No Estado hai autonomías (Madrid, Cantabria, por poñer 2 exemplos) onde non hai deputacións. As súas competencias tenas a comunidade

Do millonarios orzamentos das Deputacións galegas menos dun 20% vai destinado a investimentos reais. Só no que atinxe a gastos das catro deputacións en “órganos de goberno” destináronse en 2012 por volta de 12 millóns de euros.

O propio Consello de Contas nos seus informes ten denunciado a existencia de “deficiencias importantes” tanto no que corresponde a “natureza do gasto como a índices de xestión” nas entidades provinciais. AS deputacións galegas están por riba da media estatal en canto a gasto de persoal, por exemplo.

As 4 deputacións galegas manexan por volta de 500 millóns de euros anuais. Unha cifra da que menos do 20% vai para investimentos reais

Autonomías ceibas de deputación

O nacionalismo sempre foi partidario de suprimir estas institucións. O PP posiciónase como o seu principal valedor, coa recente reforma da administración local como principal baza. O Partido Popular sinala que acabar coas deputacións galegas sería aceptar unha manobra ‘separatista’ e sucumbir ao ideoloxismo nacionalista. Mais na españolísima Madrid non hai deputación e as competencias desenvólveas a comunidade autónoma. Igual pasa en Asturies ou na Rioxa e Cantabria.

O PP defende que alí non hai deputacións porque son territorios uniprovinciais. Unha lóxica estrana. Se na comunidade autónoma hai un organismo que pode ser suprimido (deputación), quítano. Eis os exemplos antes citados de Madrid, Cantabria... Mais se nunha comunidade hai catro desde organismos (caso de Galiza), mantéñense.

O BNG aposta por unha reforma da lei electoral que suprima ea exixencia do 5% para acceder o Parlamento

Reforma da lei electoral

A alternativa que elabora o Bloque á idea de recortar escanos será presentada esta mesma semana polo portavoz nacional, Xavier Vence, polo portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, e polas viceportavoces, Ana Pontón e Carme Adán, e incluirá unha proposta de modificación da actual Lei Electoral co obxectivo de dotar de maior representatividade ao sistema e acadar que a composición da Cámara se axuste o máis posible ao voto expresado nas urnas pola cidadanía.

Neste sentido, unha das medidas que inclúe a proposta que elabora o BNG é suprimir a porcentaxe mínima do 5%, en aras dun maior pluralismo político no Parlamento, tendo en conta que, nos últimos comicios autonómicos, máis do 7% dos votos emitidos polos galegos e galegas quedaron sen representación na Cámara.

Comentarios