Acto sobre o 1-O en Compostela

”O referendo vaise facer e con todas as garantías”

Pau Morales e Gonzalo Bonnin, das mocidades de ERC, estiveron en Compostela para falar do proceso que vive Catalunya e do 1-O. Agradeceron a solidariedade de Galiza e outros territorios perante o “ataque de histeria do Estado español” e deixaron unha mensaxe clara: “a única ameaza real” que ten o réxime do 78 sobre a mesa é o referendo.

Galiza Nova catalunya

Catro persoas despregan un cartaz e a xente que ateiga a sala da Facultade de Filosofía da Universidade de Compostela rompe a aplaudir. O cartaz, editado pola Generalitat, informa do referendo catalán do 1-0 e é idéntico aos que está a requisar a Garda Civil en diferentes puntos de Catalunya. “Menos mal que non nolo detectaron no aeroporto”, ironiza Gonzalo Bonnin, da sectorial internacional das JERC, as mocidades de Esquerra Republicana. Lembra que a noite anterior a esta charla na que participa en Compostela, axentes policiais indentificárono a el canda outras persoas simplemente por estar a colar cartaces electorais na súa vila. “Comisáronnos o material e o balde con cola”, engade, no que entende como unha mostra máis da “demofobia” que padece o Estado español.

"A única ameaza real a esta sistema somos nós, os independentistas". Pau Morales

Bonnin e Pau Morales, voceiro das JERC, estiveron esta terza feira na capital galega para tomar parte no acto ‘A loita pola liberación dos pobos. Apoio ao referendo de Catalunya’, organizado por Galiza Nova e no que estaba prevista a intervención de Pernando Barrrena (Sortu), que non puido finalmente asistir. Rubén Cela (BNG) e Navia Rivas (Galiza Nova), completaban a mesa de intervintes nunha conferencia sobre a que pairaba certa expectación por se finalmente era prohibida, como aconteceu con outras en Gasteiz e outros lugares.  

“Intentamos un referendo pactado”

galiza catalunya bngPau Morales afirmou que o referendo do 1-O vai realizarse “e con todas as garantías. “Como nun proceso electoral máis”, indicou. Vai facerse porque así o decidiron os cidadáns nas eleccións de 2015 ao dar a maioría absoluta ás formacións independentistas e porque así o posibilitan as leis aprobadas no Parlament catalán o 6 e 7 de setembro. “Intentamos un  referendo pactado”, explicou o voceiro das JERC, mais non foi posíbel por mor da “demofobia” do goberno español.

"Somos republicanos, progresistas, de esquerdas. Queremos deixar de ser independentistas canto antes" (Gonzalo Bonnin)

Morales considera que os pasos e actuacións que están a facer desde o Estado español responden a un “ataque de histeria”. Reprochou a Podemos, sen citalos, que reduzan a solución para Catalunya a sacar Rajoy do poder. “Así acabouse o problema? Non, porque o problema é a oligarquía que goberna” e que sitúa como principal responsábel de negar o dereito a decidir en Catalunya. Iso si, o mozo independentista catalán mandou unha mensaxe a navegantes: O embate do Estado vai en serio e nel xóganse moito todos os territorios, non só Catalunya. “Se poden con nós, nada os vai parar” para acelerar políticas de recortes en dereitos e liberdades civís e políticas. “Se gañamos nós nada vai ser igual. Se perdemos, van ir por todos, incluso a polos que se poñen de perfil”.

"Catalunya ensínanos que o futuro non está escrito, e que co apoio do pobo todo é posíbel" (Rubén Cela)

“Tamén queremos gañar por vós”

GN catalunya galiza

Gonzalo Bonnin falou de como se está a vivir en Catalunya a resposta represiva do Estado. “Na miña vila recibimos o outro día 7.000 cartaces do referendo e semellaba que estabamos traficando”, dixo, referíndose aos comisos de material que nestes días realiza a policía. “Queremos deixar de ser independentistas canto antes”, indicou, ao tempo que agradecía os apoios ao proceso de autodeterminación que reciben desde diferentes lugares, de Galiza e Euskal Herria a Escocia, Irlanda ou Sardeña. O 1 de outubro, afirmou, “imos gañar e imos facelo tamén por vós", dixo dirixíndose aos presentes que ateigaban a sala.

"Apoiamos o 1-O xa non como nacionalistas, senón como demócratas" (Navia Rivas)

Rubén Cela, BNG, chamou a demostrar a solidariedade do pobo galego para co pobo catalán, e incidiu, nunha liña que tamén apontaron os representantes cataláns na palestra, que a única ruptura co réxime do 78 é a que ven dos procesos constituíntes das nacións sen estado. De por parte, Navia Rivas (Galiza Nova), sinalou que hai que apoiar ao 1-O “xa non como nacionalistas, senón como demócratas”, ao tempo que indicaba que en Catalunya estase a abrir unha porta aberta a un debate “do que Galiza non pode ficar fóra”. 

Acto censurado en Ribeira e concentración na Coruña

Galiza Nova e BNG denuncian que o Concello de Ribeira vén de denegarlle á organización xuvenil nacionalista o uso dun local municipal para a realización dunha palestra sobre o dereito a decidir das nacións sen Estado. Faino referenciando as resolucións do Tribunal Constitucional 4332, 4333, 4334 e 4335-2017 (publicadas no BOE do 8 de setembro de 2017) e á Sentencia do Constitucional 259/2015. E tamén o fai indicando que “puidese interpretarse a cesión da sala por parte do Concello como favorecer un acto de apoio a un referéndum convocado por unha lei que foi suspendida polo Tribunal Constitucional”.

Esta terza feira tivo lugar no Obelisco da Coruña unha concentración en réxime de autoconvocatoria baixo o lema "Polos dereitos civís. Polo dereito a decidir".

Comentarios