Rotas as pontes entre as forzas de oposición ao PP, o 26X haberá novas eleccións xerais

Pedro Sánchez culpa a Podemos de non chegar a un "goberno do cambio" e sinálao como "salvavidas" de Mariano Rajoy. O xefe de estado remitiu un comunicado ao Congreso no que non propón ningún candidato. 

Pedro Sánchez.
photo_camera Pedro Sánchez [Imaxe PSOE]

"Quedamos abocados a unhas novas eleccións". Así comezou a súa comparecencia o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, esta terza feira (26 de abril) após o seu encontro co xefe de estado e logo do rexeitamento por parte de Podemos e Ciudadanos da contra-oferta ao Pacto de El Prado lanzado por Compromís. 

Compromís chama as forzas políticas a facer "un último esforzo" 

O líder socialista responsabilizou ao "partido de Iglesias" como acuñou a Podemos da falta de acordo e de posibilidades para conformar un "goberno do cambio" polo que nas vindeiras horas e unha vez rematado o prazo fixado pola Constitución de 1978, sexan convocadas de novo eleccións ás Cortes españolas, previstas para o 26 de xuño. 

O presidente do Congreso confirma a convocatoria electoral

O propio presidente do Congreso español, Patxi López, após reunirse con Felipe de Borbón anunciou que --como lle trasladou o xefe de estado-- "non hai candidato ou candidata que conte con apoios suficientes". Neste senso, o 2 de maio elaborarase o decreto de disolución das Cortes e o 3 de maio será asinado. "Xa sabía todo o mundo que a data límite era mañá", dixo López, para poder convocar o pleno de investidura en tempo e forma. Ao non haber ningún candidato "estamos abocados a ese decreto". 

Compromís apela a "un último esforzo"

Así as cousas, acto seguido un dos asinantes do Pacto de El Prado, Joan Baldoví (Compromís), instou o PSOE a reconsiderar a súa posición e a facer "un último esforzo" nas horas que restan até a tarde da cuarta feira. Malia a todo, Baldoví criticou que o grupo socialista tivese fechado "todas as portas" a un hipotético acordo ao propor un "goberno de independentes" porque di, non van darlle "gratis os votos" durante dous anos. Desde Compromís entenden que Sánchez "buscou escusas", aseverou o seu portavoz parlamentar. 

Sánchez sinala Podemos como "salvavidas" do PP

Coma se se tratar dun primeiro mítin de campaña, Sánchez acusou Podemos de "traizoar" as persoas que o votaron e situar "os sillóns" por diante da "política" o que, dixo, bloqueou calquera posibilidade de conformar un novo executivo. Neste senso, mesmo sinalou a formación de Iglesias como "salvavidas do señor Rajoy" a quen, dixo, lle dan coa nova convocatoria electoral unha "segunda oportunidade". 

Sánchez advirte a Podemos que permiten que goberne en A Coruña, Compostela, Ferrol ou Madrid cunha "folla en branco"

Así, Sánchez criticou --ao tempo que lanzaba unha mensaxe a navegantes-- as exixencias de Podemos para o investir presidente cando, dixo, o PSOE deu unha folla en branco" aos "gobernos do cambio" como A Coruña, Compostela, Ferrol ou Madrid.  

"O cambio aprázase uns meses mais o cambio chegará", insistiu o líder socialista quen avanzou que se presentará ás primarias que convocará a súa formación para elixir a persoa que opte á presidencia do executivo español, toda vez que visan repetir as listas e o programa co que se presentaron aos comicios do 20 de decembro. 

Perante un eventual sorpasso do PSOE por parte dunha eventual coligazón entre Podemos, IU e outras forzas políticas Sánchez asegurou que "o importante non son os escanos senón o que se fai con eles". 

Rajoy di que "a mellor" opción tería sido a proposta polo PP, un acordo entre PSOE-PP-Ciudadanos

Na súa intervención o líder do PSOE dirixiu os seus ataques ás divisións internas no seo de Podemos onde dixo conviven unha "ala dura" representada por Monedero e Iglesias" fronte a unha mol que representou en Íñigo Errejón. É ese sector, dixo, que actualmente coparía a dirección de Podemos o que "non quere ver un presidente socialista" porque "pensa que vive mellor con Rajoy de presidente que comigo", acrecentou. 

Mariano Rajoy

Entretanto, Mariano Rajoy compareceu desde a Moncloa, residencia do presidente do goberno español, e non desde o Parlamento como fixeron as demais forzas políticas. Rajoy limitouse a manifestar que após o 20 de decembro "a mellor" opción tería sido a proposta polo PP, isto é, un acordo entre PSOE, PP e Ciudadanos como se ten producido noutros "países europeos" como Alemaña, sinalou. 

Aliás, relatou o conxunto de medidas que compoñen a proposta do Partido Popular a partir desta xornada o que sinala a pistolada de saída para unha nova campaña electoral. 

Comentarios