Sánchez obtén o apoio de 46 das 56 delegadas do PSdeG ao congreso do PSOE

Os chamados congresiños puxeron en evidencia a hexemonía do sector sanchista no seo do PSdeG.

foto lugo
photo_camera Imaxe do "congresiño" do PSdeG en Lugo [Foto: CRTVG]

Nas primarias do 21M, Pedro Sánchez obtivo unha incontestábel vitoria na Galiza ao se facer con 65,74 por cento dos sufraxios emitidos pola militancia socialista, 15 pontos máis que o promedio español. A papeleta de Susana Díaz só foi apañada por 27 por cento da afiliación do PSdeG (12 pontos menos que no conxunto do estado), en tanto que a de Patxi López ficou nun magro 7,21 por cento dos apoios (dous pontos menos que no total estatal).

Pois ben, os congresos provinciais desta fin de semana referendaron a hexemonía sanchista na Galiza. Das 56 prazas que o PSdeG terá no Congreso federal do PSOE axendado para os días 16, 17 e 18 de xuño, as teses de Sánchez estará representado por 46. Susana Díaz só terá o apoio seguro de 8 delegadas e delegados do PSdeG e Patxi López, apenas 2.

Con dereito a voto, no congreso do PSOE participarán 1.004 delegadas, co cal a percentaxe que representan as 56 do PSdeG fica en 5,5 por cento, practicamente a mesma proporción que supón a populación galega no conxunto da estatal. A delegación máis numerosa será a andaluza con 255 delegadas, moi por cima de Valéncia e Madrid, con 95 e 80, respectivamente. O PSC enviará 77 persoas e Castela-Léon, 69. Despois, en sexta posición, xa viría o PSdeG.

  • Ourense

 

En Ourense non callou o apelo á integración realizado no taboleiro estatal quer por Sánchez quer por Díaz e sanchistas e susanistas mediron forzas. O resultado, moi axustado. Venceu o sector do secretario xeral eleito, con 44 votos, face os 42 votos dos susanistas (nesta provincia pachistas, non por Patxi López, senón por Pachi Vázquez). A lista gañadora encabezouna a parlamentar Rocío de Frutos. A repartición de delegadas: 5 para Sánchez, 4 para Díaz.

  • A Coruña

 

Única circunscrición en que si se materializou a integración, unha lista única formada por 20 persoas, 14 do sector de Sánchez, 4 de Díaz e 2 de López, en proporción directa aos resultados das primarias. A candidatura obtivo 108 votos a favor, 8 en contra e 17 abstencións. Encabezárona tres pesos pesados do sanchismo: o concelleiro de Culleredo Diego Taibo, a presidenta da xestora e aspirante a líder galega Pilar Cancela e o presidente da Deputación e tamén opción de futuro número un do PSdeG, Valentín González Formoso.

  • Pontevedra

 

A integración saltou polos aires ao suscitarse un disenso arredor da figura que os sanchistas propuñan para liderar a lista conxunta, Gonzalo Caballero, sobriño e besta negra do alcalde de Vigo e prominente líder susanista, Abel Caballero. Os abelistas optaron por abandonar sen apresentar lista propia. Vía libre pois para Sánchez, que se fixo así cos 16 delegadas e delegado en xogo con 116 votos a favor e 27 abstencións.

"Os que derrubaron Pedro [Sánchez] plantexaban un veto. A nosa delegación considera que non se pode facer futuro con vetos", alegou en declaracións a Europa Press Gonzalo Caballero, argumento co que xustificou o feito de non ter habido unha lista única.

  • Lugo

 

A situación nesta circunscrición ten certamente a súa complexidade. Non houbo integración, mais o desacordo non se explica só na dialéctica sanchistas/susanistas. Entre os primeiros tampouco foi posíbel a converxencia por vetos da nova liña oficial a figuras moi próximas ao ex secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro. Ficaron así fóra persoas como o presidente da Deputación ou a alcaldesa de Lugo, Darío Campos e Lara Méndez.

Finalmente só se apresentou unha lista, sanchista, liderada polo alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, que se fixo con 73 por cento dos votos emitidos no congresiño. Os 11 delegadas e delegados eleitos nesta circunscrición respaldarán, pois, as teses de Sánchez no congreso federal.

Comentarios