Sánchez pide un "pacto de reconstrución" e Feixoo demándalle "claridade"

O presidente da Xunta pediu "claridade" ao líder do Goberno español, e que o mando único durante o estado de alarma pola crise sanitaria garanta "información contrastada e  homologable".
El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, se reúne con los presidentes de las Comunidades y Ciudades Autónomas por videoconferencia, en Madrid (España) a 12 de abril de 2020.

12 ABRIL 2020;MONCLOA;PRESIDENCIA;CORONAVIRUS;COVID-19;POLÍTICA;GOBIERNO

12/4/2020
photo_camera O presidente do Goberno español, durante a videoconferencia de presidentes (Foto: Europa Press).

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, manifestou este domingo aos presidentes das comunidades autónomas a "necesidade dun Pacto de Reconstrución Económica e Social" unha vez pase a ameaza da pandemia de coronavirus, e convidounos a formar parte del porque, ao seu xuízo, hai que transmitir unha "mensaxe de coordinación, colaboración e cooperación" e que os cidadáns vexan "xuntos" a partidos e institucións.

Segundo informaron fontes autonómicas, Sánchez explicou que o Goberno quere que "todos os sectores representativos da sociedade estean presentes na elaboración deste acordo nacional", isto é, os partidos políticos presentes no Congreso, os gobernos de comunidades autónomas, e os axentes sociais e económicos.

Tal e como lles dixo Sánchez ao comezo da quinta videoconferencia que mantivo cos presidentes autonómicos desde que se decretou o estado de alarma, "nun Estado tan descentralizado como o noso, non tería ningún sentido facelo sen as comunidades autónomas".

Tras destacar que fai a súa proposta "de corazón e de boa fe", o xefe do Executivo trasladou que é "primordial" trasladar unha "mensaxe de coordinación, colaboración e cooperación", xa que, aínda que entende que hai "discrepancias" nalgunhas cuestións como o grao de contundencia da resposta económica e social, "é importante que a cidadanía vexa a todos os partidos e institucións xuntos".

Feixoo demanda “información”

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pediu "claridade" ao líder do Goberno español, Pedro Sánchez, e que o mando único durante o estado de alarma pola crise sanitaria garanta "información contrastada e  homologábel”.

Segundo adiantan fontes do Executivo, Feixoo tamén demandou, durante a súa quenda de intervención na videoconferencia de presidentes autonómicos, que se coñezan "as previsións" do comité clínico do Estado sobre o estudo epidemiolóxico que prepara o Ministerio de Sanidade cunha mostra de poboación.

Ademais, na mesma liña que o pasado domingo, o presidente da Xunta volveu a preguntar cal será o protocolo para o uso xeneralizado de máscaras por parte da poboación.

Feixoo tamén aproveitou para reiterar a súa queixa ante a decisión do Goberno de "confiscar" ás comunidades fondos de emprego -100 millóns, segundo estimou na súa comparecencia do pasado domingo-, aos que se suman as contías dos plans de vivenda.

Finalmente, e sempre segundo fontes da Xunta, Feixoo reiterou que "as súas prioridades son as residencias" e, no plano económico, apostou por "axilizar" o pago das axudas e prestacións para paliar os efectos da crise, "porque os afectados aínda non as están recibindo".

Comentarios