O Supremo ordena derrubar a rehabilitación do edificio Fenosa na Coruña

Obriga a volver ao estado do inmóbel en 1997 de acordo cunha sentenza de decembro de 2001. 

O Tribunal Supremo vén de emitir sentenza a respeito do conflito xurdido arredor do edificio Conde de Fenosa da Coruña e ordena o derrubo da rehabilitación acometida, após un acordo do Concello, e que fora declarada ilegal nunha resolución de novembro de 2001. 

A orde de derrubo foi ditada en novembro de 2001. Desde aquela foron aprobadas polo goberno municipal mudanzas urbanísticas que o Supremo di poderían ter "vontade" de non dar cumprimento á sentenza

Neste senso, a máxima instancia xudicial desestima a decisión adoptada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) en 2015 e obriga a continuar "coa execución" da sentenza "nos seus propios termos mediante o derrubamento das obras de rehabilitación executadas ao abeiro da licencia municipal anulada" con anterioridade. Así pois, o edificio deberá ficar co aspecto que tiña en 1997. 

O Conde Fenosa pertence ao grupo inmobiliario Fadesa que desenvolveu a obra para construír vivendas e locais comerciais mais que deberán ser derrubados no prazo fixado polo Supremo, isto é, seis meses. 

Na sentenza, o Supremo sinala que o concello promoveu distintos incidentes para evitar dar cumprimento á sentenza ao longo destes 14 anos desde que a obra foi declarada ilegal. É máis, o tribunal apunta ás mudanzas urbanísticas aprobadas neste tempo como unha posíbel "vontade" de non dar cumprimento á orde de derrubamento. 

Comentarios