Syriza e a esquerda europea emociónse coas loitas de Lantero e Cleanet

As loitas de Lantero e Cleanet emocionan en Bruxelas o Grupo da Esquerda Unitaria, cuxos representantes transmitiron o apoio ás folgas indefinidas destes traballadores e traballadoras galegas.

Cleanet e Lantero con representante Syriza que leu carta apoio da eurodeputada Kuneva_2323x1555
photo_camera Cleanet e Lantero con representantes Syriza

Unha traballadora de Cleanet e un traballador de Lantero deron a coñecer nesta cuarta feira ao Grupo da Esquerda Unitaria-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) as razóns das folgas indefinidas quer manteñen. Unha comparecencia da man da euro-deputada da Alternativa Galega de Esquerdas en Europa, Lidia Senra, que provocou a emoción e a solidariedade dos representantes do GUE/NGL.

Jesús López Rodríguez, do Comité de Folga da empresa Lantero (Vilagarcía) explicou as medidas de “acción represiva” que afirma a empresa está despregar contra os traballadores e lembrou que "a día de hoxe temos cumpridos 115 días en folga polos nosos postos de traballo e na contra da aplicación dunha reforma laboral abusiva".

"Entendemos que dende a UE, dende esta mesma institución, debería  promoverse algún tipo de iniciativa, de condena, pero non só para as empresas, que ao fin e ao cabo estanse beneficiando dunha reforma laboral que lle permite realizar estes abusos, senón tamén ao país lexislador, para que rectifique e equilibre de novo a balanza facendo valer a loita polos dereitos sociais e laborais", argumentou López.

Pola outra parte, Begoña Ramos Díaz, en representación das traballadoras da limpeza da empresa Cleanet - en folga indefinida dende o 27 de outubro-, contrata do Ministerio de Defensa nas súas instalacións en Ferrol,  salientou na súa intervención que "as políticas privatizadoras da dereita son focos de corrupción", que teñen a finalidade de"lucrar a individuos sen ningún tipo de escrúpulos á conta das traballadoras e os impostos da cidadanía".

Ámbalas dúas intervencións arrincaron aplausos entre as eurodeputad@s do GUE/NGL, e deputad@s como os gregos Dimitrios Papadimoulis e Emmanouil Glezos -ámbolos dous da coalición grega Syriza-, o checo Miloslav RANSDORF -Partido Comunista de Bohemia e Moravia- ou as portuguesas Marisa Matías -do Bloco de Esquerda, coordinadora do GUE/NGL para a Comisión de Economía e Asuntos Monetarios- ou Inês Zuber -do Partido  Comunista Portugués.

Aliás, Syriza mantivo posteriormente unha reunión cas representantes de Cleanet e Lantero, onde lles fixeron chegar ás traballadoras da limpeza de Cleanet unha carta escrita pola eurodeputada Kostadinka Kuneva, ex-sindicalista que desempeñou un moi importante papel na loita das traballadoras da limpeza do Ministerio de Finanzas, Administración Fiscal e Aduanas, unha das loitas sociais que se converteron nun verdadeiro episodio histórico para Grecia, e cuxa resolución foi unha das primeiras medidas tomadas polo novo goberno de Syriza.

A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, valourou "moi positivamente" a "importantísima posibilidade de poder traer os exemplos de Cleanet e Lantero ao GUE/NGL".

Comentarios