#Todasascoruñas: o BNG capta a golpe de cámara a cidade "múltiple, viva e galega" que quer levar ao Concello

O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé M. Carril, percorre facendo 'running' cunha micro-cámara barrios e lugares da Coruña para retratar ‘’os nosos barrios como espazo" de participación e para construír un concello para tod@s.

todas ascoriñas BNG

Con roupa de deporte e unha micro-càmara na cabeza, elementos nada habituais na vida política, o candidato do BNG-ASembleas Abertas, Xosé M. Carril, percorre a cidade da Coruña. Unha Coruña lonxe de ´clichés’ e de prexuízos que reducen esta cidade a unha imaxe “acomplexada, snob, elitista e excluínte”. Nada máis afastado da realidade, demostra Carril durante esta carreira por barrios e lugares coruñeses que desenvolve na campaña #Todasascoruñas. Existe A Coruña galega, A Coruña social, A Coruña mariñeira, A Coruña ética, A Coruña comprometida, A Coruña de barrios como veas de sentir e pensar da xente...

O BNG-Asembleas Abertas elixiu como punto de partida desta campaña o aentamento das Rañas. “De maneira simbólica, presentamos Todas As Coruñas nas Rañas como contrapunto a esa cidade excluínte da Mariña e do Parrote”, sinalou Xosé Manuel Carril. Explicou que #TodasAsCoruñas representa “todo o traballo silencioso desenvolvido ao longo dos últimos meses”.Unha campaña que "está concibida sobre a base de vivir a cidade sen exclusións, isto é, o dereito á cidade desde o desexo compartido de facermos un concello para ser vivido”.

O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto que con esta campaña enxalzamos “as rúas dos nosos barrios como espazo onde poidamos tomar partido”. “Tomarmos partido e involucrármonos para que o Concello da Coruña sexa unha institución pública ao servizo da Coruña, unha cidade galega e mariñeira, que aposta polos barrios con políticas de emancipación social desde a ética e a responsabilidade do ben común”, salientou.

“Precisamente, este proxecto, no que xogamos moito coas palabras e coa imaxes, fai visíbeis As Coruñas que parecen inexistentes ante as institucións, como é o caso das Rañas, unha zona moi necesitada de actuacións”, engadiu.


 

Comentarios