O BNG pide un cara a cara Pontón-Feijóo

A TVG oferece un debate a 5 para o 12S, 13 días antes da votación

Sería en prime time, tal e como demandou onte o BNG. Están convidados Feijóo, Leiceaga, Pontón, Villares e Losada, candidata de Cs, embora esta forza non estar representada no Hórreo.

CRTVG
photo_camera Realizadores da TVG en pleno programa

O día 12 de setembro a TVG quer organizar un debate eleitoral coas candidatas e candidatos a presidencia da Xunta das principais forzas políticas galegas, tres delas con representación no Hórreo (PP, PSdeG-PSOE, BNG), unha parcialmente (En Marea, composta, entre outras, por Anova e Esquerda Unida, as forzas que criaron AGE) e unha que non ten asento neste momento nen no Parlamento galego nen no Congreso por nengunha das circunscricións galegas, Ciudadanos (perdeu a acta en Madrid en xuño coa repetición das eleccións após a ter conseguido en decembro de 2015).

O debate retransmitiríase tamén pola RG.

A oferta coñécese o día despois de o BNG demandar a realización dun debate a dupla volta entre os candidatos.

A TVG convida a participar a Cs, forza que neste momento non ten representación nen no Parlamento galego nen no Congreso en ningunha das circunscricións galegas

A coordenadora da campaña, Goretti Sanmartín, en declaracións aos meios realizadas após un acto institucional en Santiago en que participou como vicepresidenta da Deputación da Coruña, cualificou a oferta da TVG de "insuficiente", embora se congratulase pola "rapidez" na resposta do ente público.

O BNG defende que as e os candidatos protagonicen non só un, senón dous debates, e a maiores demanda un "cara a cara" entre unha "feminista", en alusión a Ana Pontón, e Alberto Núñez Feijóo. 

A proposta da TVG significaría, de ser aceitada polas forzas políticas, colocar o debate nos primeiros días de campaña, a 13 días da xornada de votación, o que obviamente limitaría moito o seu efeito sobre a campaña.

Comentarios