Vence ironiza coa vaga de inauguracións: “Fomento non debe ter traballo en Madrid”

O líder do BNG considera “propaganda partidista” a constante actividade da ministra Ana Pastor xunto a Núñez Feijóo en Galiza nas últimas datas, “mesmo na apertura de obras sen rematar”.  

Xavier Vence [Imaxe: SG]
photo_camera Xavier Vence [Imaxe: SG]

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou a "tolemia de inauguracións" que a titular de Fomento, Ana Pastor, e a Xunta levan a cabo nas últimas datas en Galiza e ironizou con que "non debe de haber moito traballo en Madrid”.

"Dáme a impresión de que no Ministerio en Madrid non debe de haber moito traballo porque hai unha axenda de tolemia de inauguracións en Galiza, de cousas que deberían xa estar inauguradas hai tempo e outras que habería que inaugurar cando realmente empezasen a funcionar", asegurou en declaracións aos medios ao participar na manifestación dos emigrantes retornados en Santiago.

Así, Vence defendeu que "a cidadanía é suficientemente lista para entender que as obras que se financian cos recursos de todos non deben formar parte da campaña dun partido político que, en concreto, neste momento está no poder". "Os galegos pagan unhas infraestruturas que non deberían usarse para a propaganda partidista", indicou.

Galiza Nova

Pola súa parte, Galiza Nova, as xuventudes do Bloque, celebraron en Pontevedra o Encontro Nacional da Mocidade, no que tamén interveu o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, que indicou que “a soberanía de Galiza non se alcanzará mediante partidos dependentes de Madrid”.

Comentarios