Vence reúnese con Gerry Adams e amosa o apoio do BNG á reunificación de Irlanda

O líder do BNG acudiu ao Congreso do Sinn Féin en Derry, onde falou co histórico dirixente republicano e defendeu que "a soberanía vai unida ao progreso económico e a xustiza social". 

gerry-crop
photo_camera Adams e Vence / BNG

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, transmitiu ao presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, o "apoio e solidariedade do Bloque" á formación nacionalista no seu obxectivo de "avanzar cara unha nova república de Irlanda unificada e soberana" un dos obxectivos que se marcou esta forza política durante o Congreso que celebrou esta fin de semana en Derry, no Ulster, e ao que foi convidado o BNG.

Vence considera "un estímulo o avance do soberanismo en diferentes pobos de Europa, incluído Irlanda, como a mellor ferramenta para avanzar no progreso e na xustiza social, que debe traducirse en desenvolvemento económico, emprego e benestar para a maioría social". “A soberanía vai unida ao progreso económico e a xustiza social”, subliño o dirixente nacionalista.

Segundo o Bloque, a súa participación nesta asemblea anual do SF "permitiu estreitar relacións de colaboración coa formación irlandesa, na Eurocámara pero tamén para intercambiar experiencias de goberno a nivel local e nacional, tendo en conta que ambas formacións comparten unha visión crítica do modelo neoliberal que domina a UE, que está a destruír os sectores produtivos e auspicia recortes que minguan as condicións de vida da maioría social". 

Comentarios