Veteran@s como Blanco, Barcón e Silva lideran a “renovación” do PSdeG en Ferraz

Besteiro envía unha mensaxe aos sectores críticos do PSOE galego ao ser o único representante na Executiva de Sánchez, que no Comité Federal integra á persoa de confianza do lugués e a tres clásicos da formación, sempre rodeados de polémicas.

Besteiro e Sánchez
photo_camera Besteiro e Sánchez

Non son poucas as semellanzas que se poden atopar entre José Ramón Gómez Besteiro, o líder do PSdeG, e Pedro Sánchez, o novo secretario xeral do PSOE no Estado. Comparten unha aposta clara pola imaxe, un discurso que teima en reclamarse como “de esquerdas” sen maiores feitos sobre os que sosterse e, no fondo, unha defensa clara do carácter sistémico do seu partido. Sacou foto Sánchez sobre o escenario da súa proclamación xunto a Felipe González, Rodríguez Zapatero ou o troiko Joaquín Almunia. Cando foi Besteiro o que asumiu o mando en Galiza fixera algo semellante, con Francisco Vázquez na imaxe. Significativo.

Non está o ex-alcalde da Coruña entre @s elixid@s polo combo Sánchez/Besteiro para representar o PSdeG en Ferraz, o lugar onde se decide todo na formación dada a moi escasa autonomía das federacións, endémica no caso galego, onde a dependencia de Madrid é unha tradición. Besteiro será un dos baróns (terminoloxía que todo o di) da Executiva. No segundo chanzo de poder, catro galeg@s máis. Cun perfil de escasa renovación, o que deixa en evidencia o discurso que quixo poñer en escena un PSOE en caída libre.

Barcón representa o modelo 'pacovazquista'; Silva negouse a aceptar a norma de limitación de cargos e Blanco foxe das responsabilidades de Angrois

Estará nas xuntanzas decisivas de Ferraz a persoa de confianza de Besteiro, a secretaria de Organización Pilar Cancela. E tres clásic@s. Unha, a viguesa Carmela Silva, que logo de anos negándose a aceptar a premisa de “unha persoa, un cargo”, engade outro á súa condición de tenente de alcalde de Vigo e deputada no Congreso. Trátase da chiscadela de Besteiro ao poderoso Abel Caballero, único valor máis ou menos firme do PSOE nas cidades galegas. E unha provocación para os seguidores de Pachi Vázquez -que manteñen o seu espazo na provincia de Ourense- xa que estes fixeron bandeira da confrontación con Silva pola súa acaparación de postos.

Tamén entra Mar Barcón, que foi unha das figuras fortes na Coruña do pacovazquismo (con todo o que iso significa de modelo de burbulla, entre outras moitas cousas) e pretende ser a candidata para as locais nesa urbe, onde a división interna é bastante forte. Queda así confirmada como a opción da dirección galega, malia que seguen en pé os rumores sobre González Laxe. Queda desautorizado por completo con esta decisión Francisco Caamaño, aínda líder provincial.

Zapateirismo

E por último, a cabeza pensante do zapaterismo -que tanto dicía que desexaba saír da primeira liña- volve ter peso nun partido que coñece á perfección, até o punto de que foi un dos pais políticos de Sánchez. José Blanco accede ao Comité Federal, sen deixar o seu cargo na eurocámara e namentres segue a fuxir das súas responsabilidades políticas na traxedia de Angrois pola súa etapa como ministro de Fomento.

Estes son os nomes que propón o PSdeG. O de sempre, máis ou menos. Co ideario coñecido. O que provocou unha crise -a xeral, mais tamén a do partido- que non ten visos de rematar. E na que afonda ao non existiren perspectivas de que vaian pedir desculpas polas palabras de Sánchez que equiparaban independentismo con violencia de xénero. Nesas lameiras anda o PSOE.

Comentarios