Villares pide a Ferreiro que leve as súas críticas aos órgaos da confluencia

Acción. Reacción. Réplica. Contraréplica. Así están as cousas no seo de En Marea e quen teña algunha dúbida, que lle bote un ollo ás redes sociais. Esta segunda feira, o portavoz da confluencia, Luís Villares, saíu ao paso das críticas formuladas á súa xestión por Xulio Ferreiro. Suxírelle que formule as súas obxeccións nos órgaos internos da confluencia: "É importante que os comentarios se fagan onde son eficaces".

 

Plenario de En Marea decembro de 2016
photo_camera Ferreiro, Villares e Beiras, durante o plenario do 17 de decembro de 2016

Ferreiro ten difícil trasladar as súas críticas á Coordenadora (Executiva) de En Marea pois nese órgao o sector crítico con Villares carece neste momento de representación, mais si o poderá eventualmente facer no Consello, o máximo órgao da confluencia entre plenarios (asembleas).

A resposta de Villares ás críticas de Ferreiro -o líder da Marea Atlántica cuestiona a deriva da confluencia baixo a lideranza do ex xuíz por considerar que con el transita polos camiños trillados da política convencional- foi bastante medida.

Por unha banda, o portavoz de En Marea reflectiu sobre as dificuldades que entraña o levantamento dun edificio político novo. "Construír da nada non sempre é doado", dixo. Mais ao tempo deslizou unha alusión implícita a que nesa construción non todo o mundo está a achegar o mesmo: "Nese esforzo colectivo temos que estar todos implicados".

Villares concede, con todo, que "hai que mellorar moitas cousas" en relación ao funcionamento da confluencia, mais a seguir subliña que "hai tres meses" En Marea nen sequer existía como tal formación política con personalidade de seu "e agora xa ten unha dirección para debater de política e de cuestións orgánicas".

Inquirido polos meios sobre se vai pedir a Ferreiro que se absteña de manifestar críticas públicas á súa xestión, Villares limitouse a dicer que "é importante que os comentarios se fagan onde son eficaces", ou sexa, nos órgaos internos da confluencia.

Comentarios