Villares preséntase ás primarias de En Marea

O maxistrado do TSXG asegura que a decisión "non ten volta atrás" e fica "á marxe" do que aconteza con Podemos. 

Luís Villares_NósTV
photo_camera Luís Villares [Imaxe Nós Televisión]

O xuíz do TSXG, Luís Villares, presentou esta sexta feira (5 de agosto) a súa candidatura ás primarias de En Marea para concorrer como cabeza de lista á Presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións do vindeiro 25 de setembro. 

En declaracións aos medios de comunicación o maxistrado, que se afastou da carreira xudicial para poder candidatarse de acordo co disposto na lexislación, asegurou que a súa decisión "non ten volta atrás".

Villares preséntase co obxectivo de pular polo "cambio político" nas eleccións de setembro

Neste senso, desmarcouse do que aconteza finalmente con Podemos e do feito de se integrar esta organización ou non na Marea, mesmo da posibilidade de que finalmente se sume nunha coligazón ou concorra en solitario aos comicios de setembro. Así as cousas, sinalou que o máis "natural" é que o partido político se integre no seo da organización, algo que desbotan Carmen Santos e tamén a dirección política de Podemos en Madrid. 

Villares, o nome que máis soou nas últimas semanas como posíbel candidato por contar co consenso das forzas e movementos políticos que constitúen En Marea, asegurou que opta a gañarse a "confianza" da militancia da base social da formación e "máis adiante", dixo en declaracións recollidas por Europa Press, a do conxunto da poboación galega. 

Como obxectivo márcase conseguir "un cambio de ciclo" político. 

Comentarios