A Xunta recortou nestes 5 anos nun 75% as axudas a conservatorios e escolas municipais de música

Nestes anos de mandato de Núñez Feijóo e malia o aumento das matrículas, as axudas e subvencións pasaron de 400.000 a 100.000 euros en 2014.

saxofon
photo_camera Foto: Upphoto

Cando Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta a partida destinada a conservatorios e escolas municipais de música andaba nos 400.000 euros. Cinco anos despois, esa cuantía está nos 100.000. Esa é a cifra que a Xunta vai destinar en 2014 para uns servizos que teñen unha gran demanda en todo o país.

Os deputados socialistas Vicente Docasar, Concepción Burgo e Francisco Caamaño queren que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria explique se ten a intención de “seguir reducindo, ata eliminalas definitivamente, as subvencións que aporta aos conservatorios e ás escolas de música municipais”.

Tanto os conservatorios de música como as escolas municipais de música teñen unha gran demanda por parte do alumnado e das familias galegas. En pasadas datas, o PSdeG pedía información da situación do Conservatorio de Música de Vigo, “pois a demanda existente na comarca non era capaz de ser absorbida polo dito centro, e solicitaban habilitar espazos nalgún dos centros públicos existentes na cidade para atender as necesidades musicais da comarca  de Vigo”.

“O que queira estudar, que o pague”

Para Vicente Docasar, a intención do PP pasa por dicirlle aos concellos galegos  “o que queira estudar música, que a pague”, a pesares de que “a existencia dos conservatorios de música e das escolas municipais de música por todo o territorio galego ten contribuído tamén de maneira importante a ampliar o interese por estes estudos”, e de aí “o incremento notable de matriculacións que se ten producido nos últimos anos”.

Comentarios