A Xunta ve unha “anécdota” a sanción de 750 euros ao gandeiro da Sionlla polas bostas da súa vaca

O BNG pediu a intervención da Consellería para que instase o Concello de Compostela a retirar unha multa “que non ten motivo de ser”. A representante da Consellería fala de “anécdota”.

Concentración no Obradoiro
photo_camera Concentración no Obradoiro

O BNG levou a debate na Comisión de Agricultura do parlamento galego unha proposición non de lei (PNL) a raíz da multa de 750 euros imposta polo Concello de Compostela a un gandeiro polos excrementos das súas vacas nunha pista do rural. A deputada Tereixa Paz dixo que non estabamos ante un “feito illado” toda vez que a ese mesmo gandeiro víñaselle de notificar unha nova sanción por feitos do mesmo tipo. E, ademais, tendo en conta que no concello de Compostela hai máis de 450 explotacións.

O BNG criticou que estas sancións estábanse a impor “nunha zona rural” en base unha ordenanza municipal de residuos urbanos. E que tiveron a súa orixe na denuncia dun veciño, axente da policía local, do gandeiro, co que mantén un preito privado. “Podemos estar nun precedente de que calquera poida denunciar un gandeiro por mor da súa actividade”.

A parlamentar nacionalista pediu a Xunta que se dirixise ao Concello para instarlle a retirar esas sancións, por entender que non hai motivo para elas e que mesmo poderían ser contrarias a algunhas disposicións legais. AGE e PSdeG tamén se sumaron á petición da retirada de sancións.

Mais o PP, na súa quenda, acusou o Bloque de levar á Comisión “unha anécdota” coa intención de “atacar o Goberno” e limitou o suceso do gandeiro a “un caso de conflito veciñal”. A representante popular mesmo reprochoulle o BNG o levar ese tema a debate: “non é de recibo que nos pidan que tratemos este caso”.

Comentarios