A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, mostrouse satisfeita e parabenizou a Anova por adoptar a decisión de concorrer ás eleccións europeas de maio na candidatura de Izquierda Unida. Malia o axustado da escolla (380 votos a prol de ir con IU, 369 para a segunda opción e 3 a prol de non concorrer), Yolanda Díaz considera que a votación deste domingo pode significar un principio para “mudar as cousas”.
O secretario de organización de IU confirma un posto entre "os 5 primeiros" para o "candidato do espazo AGE"
Unha frase coa que se referiu a que AGE “sexa unha ferramenta ao servizo da xente que a votou” e non das organizacións”. Entende, ademais,que a militancia de Anova deu un paso adiante para manter AGE e anunciou que agora toca comezar a elaborar un programa de mínimos para esa cita coas urnas.
Postos de saída
A coordinadora de EU tamén se referiu á candidatura de IU, para a que EU xa elixira 2 persoas nun proceso de consulta interna, dicindo que “AGE vai ter postos de saída”. A pregunta do millón é saber quen será a persoa que ocupará esa praza.
O secretario de Organización de Izquierda Unida, Miguel Reneses, confirmou a Europa Press que esta formación aprobará unha proposta de listas --esta fin de semana-- con "ocos" para incorporar posteriormente o "candidato do espazo AGE". Neste sentido garantiu un "posto de saída", entre "os cinco primeiros".