A intención dos xornalistas é continuar diante das cámaras no que fica de temporada, aínda que tampouco cabe desbotar que sexan relevados antes. O ambiente na CRTVG está neste momento marcado polas intensas mobilizacións que boa parte do persoal está a realizar -baixo o lema de xenérico de #VenresNegro, en paralelo ás que se levan a cabo na TVE- para denunciar as presións que se exercen desde o goberno galego para moldear a liña editorial dos meios públicos.
Hermida non é a primeira vez que apresenta a súa demisión. Xa o fixo en 2012, cando abandonou a edición e apresentación do TX2. Considerado como un dos profisionais máis cualificados da casa, desapareceu da primeira liña da pantalla da TVG durante anos, até o seu retorno en outubro de 2017, xa só como apresentador, ao TX2. Agora volta a renunciar, para facer patente a súa discrepancia coa "liña informativa" da CRTVG.
Nos últimos días a tensión entre directivos e xornalistas da TVG alcanzou a súa máxima expresión cando aqueles presionaron para que informacións como a condena ao PP pola Gürtel fosen despachadas de forma telegráfica nos telexornais da televisión pública galega.
Nota: a lingua desta peza foi emendada após recibirmos un amábel comentario dun leitor.