A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) vén de emitir un comunicado no que chama á doazón de sangue aqueles galegos e galegas que pertenzan aos grupos sanguíneos 0-, 0+ e A+, debido á escaseza de reservas nos hospitais da Galiza.
Tal e como explica ADOS, os centros sanitarios galegos precisan unha cantidade aproximada de 400 ou 500 doazóns diarias para poder manter o labor asistencial.
"En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais da Galiza son imprescindíbeis os compoñentes sanguíneos", abunda ADOS.
Neste senso, puntualiza que en ocasións pode baixar o número de doazóns, como nas circunstancias actuais, mais non sucede o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que necesitan os centros sanitarios, polo que resulta "imprescindíbel" a "xenerosidade e altruísmo" de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un "esforzo especial" para incrementar as reservas de sangue.
Neste sentido, e co obxectivo de facilitar as doazóns, as unidades móbiles da Axencia de Doazón percorrerán varios puntos do país.
En concreto, as unidades móbiles percorrerán na segunda feira, 2 de maio, os concellos das Pontes, Abegondo, Mera, Padrón, Cospeito, Lugo, Ourense, A Illa de Arousa, Agolada e Vigo.