A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos da Covid-19 na Galiza é de 4.175, o que supón un aumento de 38 novos casos con respecto dos datos compilados onte.
Por áreas sanitarias, na da Coruña os casos activos son 1.424, co que se reduce a cifra en 22 casos nas últimas 24 horas; na área de Lugo constan 810, o que supón media ducia de novos contaxiados; a cifra na área de Compostela e Barbanza ascende tamén en 11 positivos e chega a 688; a área de Ourense conta tamén cun ascenso dunha ducia de casos novos, o que sitúa a cifra en 429 persoas; 15 casos novos suceden na área de Pontevedra que chega aos 323; a área viguesa ten 7 casos novos dun total de 344; e a que menos casos segue a cuantificar, a área ferrolá, suma 9 caos novos e sitúase nos 157.
A Xunta informa tamén de que o total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.971 no domicilio.
Polo de agora, na Galiza hai un total de 13.649 persoas curadas, 38 máis que na xornada de onte, e rexistrándose 659 falecementos. O número de PCR realizadas é de 363.957.
Os centros de maiores
Un persoa usuaria da residencia de maiores Orpea, de Culleredo, e un traballador da do Incio deron positivo en Covid-19 nas últimas 24 horas, co que o número total de casos activos nestes centros sitúase en 228, dous menos que onte. A baixada explícase porque, a pesar destes dous novos positivos, desaparecen do parte dúas persoas emrpegadas na residencia do Inci,o que se curaron, e polo falecemento, notificado o sábado, de dúas persoas relacionadas con esta residencia que estaban ingresadas no Hospital Lucus Augusti de Lugo.
Deste xeito, o total de persoas usuarias diagnosticadas coa enfermidade é de 162, segundo os datos das consellarías de Sanidade e Política Social, recollidos a última hora de onte. En canto ás persoas traballadoras, un total de 66 están a pasar a enfermidade actualmente.
O centro do Incio segue a ser o máis afectado, con 82 maiores e 33 persoas traballadoras. Na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, constan 46 casos entre as persoas usuarias e oito entre as traballadoras.