Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, explica que a existencia dun xornal diario en papel é "unha absoluta necesidade" para Galiza e para a súa lingua. "Non hai ningunha lingua no mundo que avance ou que aspire á normalidade se non ten medios de comunicación", declara Maceira, poñendo como exemplo os casos vasco ou catalán.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística considera que o feito de que o país non conte cun xornal diario na lingua propia "non é unha situación normal". Por isto, anima a correxir este escenario "participando e contribuíndo todas na medida das nosas posibilidades a que ese diario sexa unha realidade".
Alén disto, Maceira conta que as súas expectativas arredor do proxecto pasan porque sexa "en galego, esa é a primeira cuestión". Tamén agarda que o diario ofrexa "unha visión do país, sobre a súa realidade e sobre a necesidade da Galiza de ser informada sobre si propia, algo que en xeral non acontece agora noutros medios de comunicación en papel", lamenta.