Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, continúan 16 pacientes Covid en UCI e 45 noutras unidades de hospitalización.
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende lixeiramente nas de Vigo e Ourense; aumenta nas da Coruña e Cee e Pontevedra e O Salnés; e mantense sen cambios nas de Santiago e Barbanza, Lugo e Ferrol.
Na de Vigo, aínda que seguen dous pacientes Covid en UCI, descenden a sete os doutras unidades -un menos- e na de Ourense continúa un en críticos e redúcense a dous os doutras unidades -un menos-.
Por contra, na da Coruña e Cee continúan sete en UCI e aumentan a 19 os doutras unidades -un máis-; así como na de Pontevedra e O Salnés, onde segue un en críticos e increméntanse a sete os doutras unidades -un máis-.
Polo seu lado, mantéñense sen cambios as áreas de Santiago e Barbanza, que segue cun paciente en UCI e catro noutras unidades; Lugo, cun en críticos e dous noutras unidades; e en Ferrol, con tres e catro, respectivamente.
Menos casos activos
En canto aos casos activos de Covid-19, após o lixeiro aumento da xornada anterior despois de 25 xornadas consecutivas en descenso, volveron reducirse e sitúanse en 1.344, once menos, ao haber máis altas (97) que contaxios (87), ao que se suma un falecido. Así, mantéñense en niveis de mediados de agosto do ano pasado -o día 15 dese mes había 1.337-.
Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-20); Pontevedra e O Salnés (-10); Lugo (-2) e Santiago e Barbanza (-1); aumentan nas da Coruña e Cee (+21) e Ourense (+1); e mantéñense sen cambios na de Ferrol.
Por tanto, a área da Coruña e Cee continúa á cabeza, con 431 c casos activos; seguida da de Lugo, con 244; Lugo, con 175; Ourense, con 155; Santiago e Barbanza, con 126; Pontevedra e O Salnés, con 117; e Ferrol, con 96.
Descenden os contaxios
Mentres, os novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do centenar, a 85 -que supoñen 26 menos-, tras o repunte da xornada pasada a 111, despois de iniciar a última semana antes do verán con 56; ascender lixeiramente a 60 a terza e a 65 esta cuarta
No conxunto da Galiza foron confirmados 85 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 28 menos que a xornada pasada, dos cales 30 corresponden á área da Coruña e Cee; 14, á de Lugo; 12, á de Ferrol; 10, á de Pontevedra e O Salnés; oito, á de Ourense; outro oito, á de Santiago e Barbanza; e tres, á de Vigo.
Sanidade realizou 2.321.732 PCR desde o inicio da pandemia, 3.118 máis que as rexistradas até a xornada anterior e unhas 700 probas máis feitas que o día pasado.
En canto á taxa de positividade, mantense nun dous por cento, após aumentar ao 2,42% a xornada anterior, despois de comezar a semana nun 1,1% e ascender lixeiramente a un 1,4% a terza e a un 1,5% esta cuarta. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que a Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.
Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia no conxunto da Galiza ascenden a 2.431.