De cara aos primeiros paseos desta fin de semana en Lugo, ademais de habilitar espazos de xogo para a rapazada, o responsábel de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, pediu á veciñanza que percorra a muralla en sentido anti-horario. "Co cumprimetno desta recomendación aumentarase a seguridade, ao evitarse os cruces entre camiñantes", explicou Arroxo aos medios de comunicación.
"Trátase dun chamamento cívico á veciñanza, dunha recomendación para reducir ao máximo as posibilidades de contaxio entre as veciñas e veciños de Lugo”, engadiu Rubén Arroxo, quen aclarou que "ao non ser unha obriga, o seu incumprimento non se sancionará". Malia isto, Rubén pediu á veciñanza de do concello "que siga sendo un exemplo de actuación nesta nova etapa da crise do COVID-19".Areais abertos en Vigo ou na Coruña
Deste este sábado as praias do municipio vigués permanecen abertas para que as veciñas que vivan a menos dun quilómetros poidan pasear nestas zonas. "Só pasear, non se poden empregar para estar tumbadas nin para o baño se chegase o bo tempo", salientou o rexedor, o socialista Abel Caballero, en declaracións aos medios.
Tamén na Coruña permanecen abertas as praias para o paseo de veciñanza e cans. A maiores, a alcaldesa do municipio, a tamén socialista Inés Rei, anunciou antes do 2 de maio a habilitación dunha senda peonil de doce quilómetros para facilitar a mobilidade no paseo marítimo da cidade e evitar os amoreamentos.
Foron moitas as coruñesas da área que se achegaron para gozar das primeiras saídas nos areais de Riazor ou do Orzán, e tamén numerosas as surfistas que acudiron atrapar as primeiras ondas despois do confinamento.