CIG denuncia que unha firma con axudas da Xunta ''explota traballadores'' en Inglaterra

O sindicato porá en coñecemento da Fiscalía irregularidades como as xornadas de máis de 24 horas sen case descanso, a escaseza de comida e falta dunhas mínimas condicións de habitabilidade. Un dos operarios perdeu 17 quilos en 3 meses.

DenunciaSiglobalVigoExplotacion01.grande

Un total de 30 operarios galegos traballaron e viviron durante meses no norte de Inglaterra nunhas condicións de “explotación”, segundo denuncia a CIG. Representantes do sindicato nacionalista e dos traballadores compareceron esta semana para dar conta do inferno que viviron durante catro meses nun parque fotovoltaico en Reino Unido traballando para Siglobal. “É unha firma do sector das enerxías renovábeis (aínda que tamén posúe intereses na industria auxiliar naval ou no sector pesqueiro) que está en concurso de acredores desde o 9 de abril”, informa a CIG.

A central nacionalista anuncia que porá en coñecemento da Fiscalía as irregularidades constatadas, ”como son xornadas de máis de 24 horas sen case descanso, ausencia de medidas de seguridade, escaseza de comida e falta de hixiene e dunhas mínimas condicións de habitabilidade das dependencias nas que tiñan que comer e durmir”. Para a CIG, que esta empresa estea ligada a profesores da Universidade de Vigo e que recibise axudas da Xunta fai a cuestión aínda máis sangrante'.

Dureza extrema

Fermín Durán, un dos operarios, relatou a súa experiencia neses catro meses en Inglaterra. Un período no que perdeu 17 quilogramos de peso. Xornadas laborais de até 36 horas sen apenas durmir, traslados de xente “como se fósemos gando, até 19 nunha furgoneta”, escaseza de comida, etc. Sinala que eran obrigados a facer xornadas de 14-16 horas cun único prato de comida. “Non podiamos cociñar e tampouco nos pagaban o aloxamento”.

Nalgunhas ocasións chegaron a pernoctar até 45 persoas nun vestiario con capacidade para 10 onde tamén se comía “e se facía tornillería”. A empresa tampouco lles proporcionaba o material necesario para desenvolver o seu labor nunhas condicións minimamente dignas: nin roupa, nin calzado, “e os cascos de seguridade chegaron cando chegaron...”.

Sen cobrar

Os operarios galegos non cobraron polo seu traballo, e a empresa fíxolles firmar un documento “sen validez legal algunha” no que recoñecen unha débeda menor á real. “Eu calculo que a min me deben uns 7.000 euros, entre as dietas, as 115 horas extras feitas durante a semana e as 15 de fin de semana que non me pagaron”. De feito, dende o 17 xaneiro que chegou Inglaterra até o 6 de maio que marchou cobrou unicamente 600 euros, “e iso a pesar de que nese tempo tiven só un día libre”.

Comentarios