A CIG renova as direccións comarcais co fin de consolidarse como primeira forza sindical do país

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, salientou “a demostración de forza” que supón a celebración simultánea das sete asembleas onde se concentrou "o máis comprometido e capaz do sindicalismo combativo e de clase que representamos”.

Asemblea Comarcal na Coruña (Imaxe: CIG)
photo_camera Asemblea Comarcal na Coruña (Imaxe: CIG)

A CIG celebrou este sábado as VII Asembleas Comarcais das que resultaron elixidas por unanimidade as novas Executivas para os próximos catro anos. Un acto que foi simultáneo nas bisbarras de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Ferrol, co obxectivo de reforzar a central como primeira organización sindical do país fronte “os brutais ataques que está a padecer a clase traballadora”, así como na tarefa de afondar na cohesión interna “para multiplicar a capacidade de resposta e mobilización”.

O novo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra nas asembleas celebradas en Vigo e na Coruña para salientar “a demostración de forza” que supón a celebración simultánea das sete asembleas nas que, asegurou, “se concentra o máis comprometido e capaz do sindicalismo combativo e de clase que representamos”. Carril explicou os principais retos que enfronta a central sindical nos vindeiros anos. “No organizativo, temos por diante a consolidación como principal forza en afiliación e converternos tamén na primeira forza do país en representación”.  

Xabier Filgueira, reelixido secretario comarcal na Coruña

“A CIG encabezou a resposta sindical ás contrarreformas laborais, dando a batalla en defensa do emprego, dos servizos públicos e pola mellora das condicións de vida e de traballo”, dixo Filgueira, que chamou a centrar na negociación colectiva "os nosos esforzos para ir recuperando dinámicas de mobilización e de resposta que nos permitan desbloquear moitos dos convenios hoxe paralizados".

Alberto Gonçalves, reelixido en Vigo 

“Dicímolo con claridade: non é hora de pacto social, de entreguismo, nin de concertación; non é hora de negociar o alcance da nosa derrota, senón de apostar por dar a batalla para recuperarmos os dereitos que xa nos roubaron e para conquistar a mellora das nosas condicións de vida e de traballo”, afirmou Gonçalves.

Pepe Maio, novo secretario comarcal en Compostela

Pepe Maio foi elixido como novo secretario comarcal de Compostela, substituíndo o que foi durante os últimos vinte anos o máxime responsábel desta bisbarra, Anxo Noceda.

“Non somos un sindicato de clase que queremos cambiar o sistema por romanticismo, senón porque pensamos que este sistema non ten nada que ofrecer ao conxunto da clase traballadora”, asegurou Maio, que marcou como metas levar o nacionalismo e a conciencia de clase a cada un dos centros de traballo.

Antonio Niño renova en Lugo-A Mariña 

"Coas nosas luces e sombras o certo é que a CIG protagonizou a conflitividade laboral que se deu na nosa provincia: en practicamente todos os conflitos sindicais que se deron había presenza da CIG, senón fora pola nosa iniciativa moi poucos conflitos laborais terían transcendencia, non existiría un contrapoder que freara a patronal", defendeu Niño.

Anxo Pérez, novo secretario comarcal en Ourense

A VII Asemblea da CIG-Ourense escolleu Anxo Pérez Carballo como novo secretario en substitución de Etelvino Blanco, que estivo á fronte da central na bisbarra dende a súa creación en 1994.

“Seguimos a ser a organización que máis capacidade ten de mobilización da comarca; co aumento da nosa presenza nos centros de traballo conseguimos ser a forza cun maior número de afiliación; ao mesmo tempo, conseguimos mellorar os nosos resultados electorais até situarnos por primeira vez como segunda forza en representación”, explicou Pérez.

Manuel Grandal Anca, reelixido en Ferrol 

“A situación de necesidade xerada fixo callar un discurso propiciatorio da división dentro da propia clase traballadora que temos que combater con uñas e dentes, a base de moita solidariedade e concienciación, pois non podemos esquecer que a solidariedade de base é a nosa forza", aseverou Grandal.

Marcos Conde, reelixido en Pontevedra

Conde manifestou a súa "preocupación" polos "problemas moi duros" para a clase traballadora perante os recortes de dereitos e salariais. Reclamou levar a loita sindical ás rúas aínda a risco de recibir algún “zasca”, segundo declaracións recollidas polas axencias.

Comentarios