Os coidados non remunerados que asumen as mulleres no 76% dos casos representarían o 9% do PIB mundial

Un estudo da Organización Internacional do Traballo demostra que seguen a ser maioritariamente as mulleres as que renuncian á súa actividade profesional para dedicarse aos coidados.

De dereita a esquerda, Javier Carballo, Elma Saiz, Antonio López e Silvia Moscoso. (Foto: Santi Alvite)
photo_camera De dereita a esquerda, Javier Carballo, Elma Saiz, Antonio López e Silvia Moscoso. (Foto: Santi Alvite)

Os coidados non remunerados que asumen as mulleres no 76% dos casos representarían o 9% do PIB mundial en caso de contabilizarse. Así o asegurou esta segunda feira Javier Carballo, autor de Na fenda do sexo, durante a presentación do libro na Facultade de Relacións Laborais da USC.

Segundo esgrimiu o Carballo, este dato provén dun estudo da Organización Internacional do Traballo que expón que, en caso de contabilizar os coidados non remunerados en todo o mundo, estes roldarían o 9% do PIB mundial.

Neste sentido, Carballo incidiu no concepto da "feminización da pobreza" e en como esta deriva "fundamentalmente" de dous factores. O primeiro deles é, precisamente, o que se refire á "excesiva carga de coidados" que asumen as mulleres e que inflúe tanto no seu desenvolvemento económico como nas súas condicións de vida.

"O segundo factor é o propio mercado laboral que dificulta o acceso e o desenvolvemento das mulleres dentro da propia actividade laboral. E precisamente por estes factores atopámonos con que, por exemplo, nove de cada dez excedencias […] son asumidas por mulleres", matizou.

Deste modo, durante a súa intervención fixo fincapé en que estes datos demostran que seguen sendo maioritariamente as mulleres as que renuncian á súa actividade profesional e á súa traxectoria para dedicarse aos coidados, "uns coidados que non están cuantificados

"Se pomos solución á excesiva feminización, á precarización e á repartición desigual dos coidados, conseguiremos en gran medida pór solución ás desigualdades no ámbito do traballo", reflexionou Carballo.

'Na fenda do sexo'

Javier Carballo é graduado en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e actualmente estudante de doutoramento. Ademais, é o autor de Na fenda do sexo, obra na que analiza a desigualdade salarial e aborda tanto os motivos estruturais como os factores desta fenda.

O reitor Antonio López Díaz presidiu nesta facultade a presentación do libro de Carballo, editado pola Fundación Luís Tilve. Ambos os dous xunto coa vicedecana da Facultade anfitrioa, Silvia Moscoso Ruibal, estiveron acompañados no acto pola ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz Delgado.

Comentarios